Reaccións á proposta do Goberno de reducir a taxa de alcol permitida ao volante
Reaccións á proposta do Goberno de reducir a taxa de alcol permitida ao volante
A intención do executivo é baixala dos 0,5 actuais aos 0,2 gramos por litro
O obxectivo é diminuír o número de accidentes graves
A proposta do Goberno de endurecer a taxa de alcolemia permitida aos condutores rebaixándoa a 0,2 gramos por litro en sangue, menos da metade dos 0,5 que se permiten actualmente, reducirá significativamente a cantidade de alcol que se poderá inxerir antes de conducir.
Visitamos unha área de servizo en Outeiro de Rei para que os profesionais nos dean a súa opinión sobre a nova proposta do Goberno. Entre os transportistas, a opinión é unánime: "Para conducir non se pode beber, está claro", asegura un deles.
A lei actual permítelles aos condutores profesionais 0,3 gramos de alcol por litro de sangue, o que supón 0,1 gramos máis do que se lle permitiría a calquera condutor coas novas restricións que propón o Goberno. Con todo, tamén hai quen cre que coa lexislación actual abonda.
O obxectivo da nova lei é reducir os sinistros nas estradas, xa que o alcol está detrás da metade dos accidentes graves.