Publicador de contidos
Publicador de contidos

Recrúa a tensión en Corea: Seúl e Washington responden a Pionyang con mísiles

Recrúa a tensión en Corea: Seúl e Washington responden a Pionyang con mísiles

Seúl e Washington responderon hoxe ao lanzamento norcoreano do martes disparando mísiles de curto alcance e anunciando o retorno dun portaavións estadounidense á zona

G24.gal 05/10/2022 11:00

Seúl e Washington responderon hoxe o lanzamento norcoreano do martes disparando mísiles de curto alcance e anunciando o retorno dun portaavións estadounidense a augas da costa oriental surcoreana, o que subliña o persistente incremento das tensións na rexión.

Esta resposta conxunta responde a acordos alcanzados recentemente polos aliados e fai prever un incremento dos ensaios bélicos por ambas as partes e, en consecuencia, un aumento da tensión ata niveis próximos ás preocupantes cotas vistas en 2017.

Á primeira hora do mércores, os exércitos de Corea do Sur e os Estados Unidos dispararon catro mísiles terra-terra de curto alcance do sistema ATACMS cara ao mar do Xapón (chamado mar do Leste nas dúas Coreas), segundo detallou o Estado Maior Conxunto (JCS) surcoreano.

Eses catro proxectís viñeron de feito acompañados dun quinto, un mísil balístico de curto alcance Hyunmoo-2 surcoreano, cuxo lanzamento desde a base aérea de Gangneung, uns 170 quilómetros ao leste de Seúl, resultou errado.

A pesar de estrelarse dentro da instalación militar e non provocar vítimas ou feridos, o lanzamento errado desatou as críticas dos residentes próximos polo vistoso da explosión e a falta total de información por parte do exército, que non confirmou o suceso ata 12 horas despois.

A estes lanzamentos de mísiles precedeulles a última hora do martes unha manobra das forzas aéreas surcoreanas que incluíu a un escuadrón de cazas F-15, un dos cales lanzou dúas bombas de precisión sobre o mar Amarelo.

Estas accións supoñen unha resposta ao ensaio realizado o martes por Pionyang, que disparou o que parece ser un mísil balístico de rango intermedio (IRBM) Hwasong-12 que sobrevoou Xapón por primeira vez desde 2017 e que supuxo o proxectil norcoreano que máis distancia percorreu xamais, ao voar ao redor de 4.500 quilómetros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade