Recursos de Galicia asina o seu primeiro acordo coa empresa Galenergy para construír futuras instalacións de enerxías renovables
Recursos de Galicia asina o seu primeiro acordo coa empresa Galenergy para construír futuras instalacións de enerxías renovables
Recursos de Galicia asina o seu primeiro acordo coa empresa Galenergy para construír futuras instalacións de enerxías renovables
O pacto inclúe ademais a entrada de concellos e outros socios locais, aos que se reserva o 15 por cento do capital
A sociedade público privada Recursos de Galicia acaba de asinar o seu primeiro acordo para apoiar proxectos de enerxías limpas na comunidade. Alíase coa empresa Galenergy para construír en común novas instalacións para enerxías renovables tanto as xa autorizadas como as de futura tramitación. O pacto inclúe ademais a entrada de concellos e outros socios locais, aos que se reserva o 15 por cento do capital.
Foi a finais do ano pasado cando botou a andar Recursos de Galicia. Agora asinou o seu primeiro acordo canda a empresa Galenergy. Construirán xuntas futuras instalacións eólicas ou fotovoltaicas.
"Este é o primeiro paso para facer o que vimos facer: descarbonizar a economía, avanzar en autonomía enerxética, conseguir uns prezos máis baratos para empresas e familias e estimular o trinomio enerxía, industria e sociedade, e que todo isto repercuta no territorio e as persoas." Explica Emilio Bruquetas, conselleiro delegado de Recursos de Galicia
A través deste acordo, Recursos de Galicia entra no accionariado dos parques que Galernergy ten na nosa comunidade. Ademais nas futuras instalacións un 15 por cento do capital ábrese a administracións locais, empresas e outro tipo de entidades. José Núñez, Presidente de Galenergy:
"Avanzaremos xuntos nesta idea de dotar as nosas peme, a industria, concellos e poboación en xeral de proxectos sostibles no tempo que os doten dunha enerxía máis accesible e verde."
A minería, o autoconsumo, a hidroeléctrica e o biometano son outros dos mercados aos que Recursos de Galicia ten previsto dirixir as súas accións. O trinta por cento desta empresa público-privada pertence á Xunta, o resto do capital a máis dunha trintena de empresas.