Redúcense nun 46 % as denuncias por furtivismo
Redúcense nun 46 % as denuncias por furtivismo
A pesar do aumento dos controis, reducíronse as actas por presuntas infraccións
No primeiro semestre do ano o Servizo de Gardacostas de Galicia descubriu menos infractores que o ano pasado, a pesar de aumentar os controis e a presión nas nosas costas, polo que hai satisfacción de como está indo a loita contra o furtivismo.
Hai satisfacción polos resultados aínda que a ledicia non é completa ata que se consiga erradicar por completo a lacra do furtivismo.
A conselleira do Mar visitou está mañá en Vigo a patrulleira Punta da Guía e aproveitou para facer balance do primeiro semestre. Destacou que, malia a facerse un 2 % máis de inspeccións que no mesmo período do 2021, levantáronse un 46 % menos de actas por presuntas infraccións.
Neste semestre requisaron 12.600 útiles e 11.000 quilos de peixes e mariscos, coma sempre aqueles que adquiren máis valor nos mercados.
É unha das grandes apostas, loitar contra o furtivismo, por iso o Servizo de Gardacostas de Galicia incrementou este ano o número de controis, superaron as 5.500 inspeccións.
"Tan só desas 5.000 inspeccións son motivo de infracción 1.400 actas, iso é unha redución do 46 % e a verdade é que apunta a que realmente ese traballo en conxunto co sector está levando a que a sociedade tamén estea máis concienciada e cada vez sexa a mellor xestión dos recursos", dixo Rosa Quintana, conselleira do Mar.
Os axentes requisaron máis de 12.000 trebellos para a pesca no que vai de ano.
"Un dos obxectivos fundamentais que ten o Servizo de Gardacostas é evitar que eses aparellos fagan a extracción do recurso porque así estamos protexendo o recurso e reduciuse tamén o número de individuos que foron comisados", asegurou a conselleira. "As especies coma as nécoras, centolas, os chocos, o polbo e as ameixas, eses son os fundamentais".
Adquirir todos estes produtos polas canles legais é a mellor forma de parar o furtivismo.
"Tamén estamos coidando a saúde de todos os que consomen os nosos produtos porque soamente aquel produto que se compra polas canles legais leva todas as garantías hixiénico-sanitarias e de saúde que están recollidas en toda a lexislación nacional e internacional", afirmou Quintana.
Dende a Consellería tamén se fai un chamamento aos usuarios das praias para que respecten os recursos mariños dos que viven milleiros de familias en Galicia.