A confraría de Ferrol denuncia que os furtivos volveron actuar no banco da Cabana
A confraría de Ferrol denuncia que os furtivos volveron actuar no banco da Cabana
Tres furtivos que andaban á ameixa foron sorprendidos este sábado na zona máis afectada polo marisqueo ilegal
"Onte mesmo, na zona da Cabana, que é a máis afectada polo furtivismo, estaban entrando varios furtivos a mariscar cunha marea pequena", asegura o patrón maior da confraría de Ferrol, Gustavo Chacártegui.
O que relata o patrón maior é o último caso de furtivismo na ría de Ferrol, que se producía este sábado na zona da Cabana. Hai 15 días, outro grupo de furtivos aos que sorprenderon apañando ameixa enfrontáronse aos gardacostas guindándolles pedras.
A confraría asegura que nalgunhas das zonas máis produtivas apenas queda marisco debido á actuación dos furtivos.
"Deixámolas reservadas para que o marisco críe. De feito, na zona do Couto os compañeiros están collendo a xapónica e téñena que calibrar, como todo o marisco, e o que lles dá coraxe é que mentres eles están calibrando a ameixa e botando ao mar a que non vale, a un metro deles hai furtivos metendo todo no saco. A esa zona os meus compañeiros xa non volven porque xa din que non van coller nada, nin pequena nin grande. O dano non é só para o día seguinte. Esa zona queda afectada para meses", explica o patrón maior da confraría de Ferrol
O patrón pide maior vixilancia para disuadir os furtivos, que, segundo di, actúan como bandas organizadas. Máis a longo prazo, a confraría de Ferrol pretende recuperar zonas improdutivas co obxectivo de que algúns dos que agora se dedican ao furtivismo poidan incorporarse ao marisqueo legal.
A confraría teme que os furtivos volvan actuar coincidindo coas próximas mareas vivas a partir do 18 de setembro.