A confraría de Ferrol propón vixilancia e recuperar zonas improdutivas para frear o furtivismo
A confraría de Ferrol propón vixilancia e recuperar zonas improdutivas para frear o furtivismo
O problema intensifícase no verán e no Nadal, cando aumenta o prezo do marisco
Mellorar o estado do recurso permitiría abrir novos permisos de explotación
Coas mareas baixas o furtivismo agroma e nas praias da ría de Ferrol non é difícil ver algún veciño ou furtivo collendo marisco. Ben para autoconsumo, ben para vender.
Hai anos, cando había recurso, o problema afectaba fundamentalmente ao prezo. Agora, di Gustavo Chacartegui, patrón maior da confraría, afecta o propio recurso porque "ao final non vai haber nin para uns nin para outros". É dicir: pon en cuestión a subsistencia do sector na ría.
A confraría pide máis vixilancia para disuadir os furtivos e tamén rexenerar zonas improdutivas para integrar aos ilegais no sistema abrindo novos permisos de explotación.
Cifras e perfís
Un recente estudo do Grupo de Economía Pesqueira da USC estima que no período 2012-2020 extraéronse 660 toneladas de marisco de forma irregular cada ano.
O traballo vincula a intensidade do furtivismo con zonas decadentes e o grao de profesionalidade dos traballadores. E diferencia dous perfís: furtivos ocasionais, de subsistencia, e furtivos organizados que teñen nesta actividade o seu modo de vida.
"Hai veces que veñen grupos de oito persoas e que traballan todos nunha zona. Ao día seguinte foron a outro sitio e volveu aparecer ese grupo", remata Gustavo Chacartegui.