Reducir a temporalidade e profesionalizar a dirección, claves para unha Administración pública eficiente
Reducir a temporalidade e profesionalizar a dirección, claves para unha Administración pública eficiente
Reducir a temporalidade e profesionalizar a dirección, claves para unha Administración pública eficiente
Trece propostas para modernizar as administracións, que inciden no aproveitamento das novas tecnoloxías pero garantindo a atención presencial
Un grupo de expertos vén de presentar un documento con 13 propostas para a reforma da administración pública, co obxectivo de facela máis eficiente e accesible.
Unha delas é Concepción Campos, que detalla no espazo Bos días que estas propostas pretenden, ademais, "acadar unha administración pública do século XXI, innovadora, apegada as persoas e aproveitando as novas tecnoloxías".
Nese sentido, o documento "trata de abordar medidas concretas relativas a tres grupos de propostas: que reformas necesitan administracións, que procedementos e como ten que ser o emprego público".
No aspecto do acceso ao emprego na administración, "hai unha masa de emprego público moi importante, por iso proponse que sexa un sector dinámico, coas competencias profesionais acaídas e non a través da aprobación dun modelo de oposición baseada na memorización e en recitar como loros o estudado", di Campos. Neste ámbito, ademais, advirte da necesidade de "arranxar o problema da temporalidade, que chega ao 28 por cento nas administracións públicas".
Cadros directivos capturados
Outra das propostas atende aos cadros directivos. "Aínda non temos unha dirección pública profesional", di esta experta, que denuncia que as estruturas directivas administrativas "continúan capturadas por órganos políticos, coa esixencia de ser do partido ou amigo".
As propostas de reforma son susceptibles de encaixar nos fondos Next Generation, que establecen, explica Campos, "a recuperación das axencias como ferramentas máis áxiles, xestionando por proxectos e simplificando a regulación". Neste aspecto lamenta a gran cantidade de lexislación existente: "Temos 368 novas normas para 2022".
Dixital, pero tamén presencial
Tamén incide, este documento, na necesidade de avanzar na dixitalización pero sen esquecer a atención presencial. "A administración dixital é un gran avance, pero a Carta de Dereitos dixitais recoñece expresamente o dereito de todas as persoas físicas a recibir atención presencial".
"É necesario que haxa oficinas abertas con persoal cualificado que atenda cara a cara a xente".
Tamén se incide na necesidade de "facelo fácil", para "non dar voltas para achegar documentación que xa está en mans das administracións", di. Campos conclúe que é necesario que "nun só punto poidamos resolver os trámites".