Reencontros familiares por Noiteboa nas estacións e nos aeroportos galegos
Reencontros familiares por Noiteboa nas estacións e nos aeroportos galegos
Segundo datos de Aena, este domingo están previstos 90 voos en toda Galicia
O luns de Nadal haberá un total de 64 operacións, de saída e chegada
Coma cada ano no 24 de decembro, esta é a imaxe que se repite unha e outra vez nos aeroportos galegos... apertas e máis apertas nos reencontros coa familia e cos achegados despois dun tempo sen verse.
"Veño co meu marido e vimos de Xenebra e estaremos ata o día 8"; "Non podía obviar a invitación da miña filla, e visitar Galicia sempre é un pracer"; "Veu a miña filla, o meu xenro e o meu neto desde Murcia, estaba desexando velos, xa me emociono, porque é difícil telos lonxe", din algúns viaxeiros.
Segundo datos de Aena, entre os voos de saída e os de chegada, este domingo están previstas 90 operacións nos tres aeroportos galegos: vinte e catro voos no aeroporto da Coruña, 14 no de Vigo e 52 no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago. O luns de Nadal están previstos en Galicia un total de 64 voos.
"Viñemos ver a miña irmá meus pais, a miña parella, meus avós e mañá veñen meus tíos e as miñas curmás". "Tiña unhas gañas de velos tremendas, estou moi feliz", comentan outros viaxeiros.
Uns que chegan a Galicia e outros que marchan, esperando ao último momento para viaxar e chegar xusto a tempo para celebrar Noiteboa e Nadal.
"Por motivos de traballo, tiven que cadralo así ata hoxe"; "Imos a Valencia para que sexa un Nadal distinto", din.
Na maioría de fogares xa teñen todo preparado para a cea de Noiteboa.
"A parte de marisco: centolas, camaróns, langostinos, vieiras..., e logo un cocido, aínda que non é moi típico, voullo facer esta noite". Si, teño unhas gañas dun bo cocido galego", destacan.
Tráfico ferroviario
Outra opción de viaxe que elixiron os galegos nestas festas foi o tren, sobre todo para os que volven desde Madrid ou os que se moven entre as cidades galegas.
Durante toda a xornada as estacións fóronse enchendo e baleirando cos avisos de cada novo tren nas vías. O tráfico ferroviario manterase ata pasadas as 10 da noite para deixar en destino os pasaxeiros que acoden ás xuntanzas familiares.