Xa hai resultado do referendo veciñal vinculante de Nigrán
Xa hai resultado do referendo veciñal vinculante de Nigrán
Por maioría, a Bouza Vella vai quedar como estaba, como vía de dobre sentido
É a segunda vez que o concello emprega este sistema para dirimir cuestións locais
Ás seis da tarde pecháronse as urnas no salón de plenos do concello de Nigrán e fíxose o reconto na consulta veciñal que decidiu o sentido da circulación na rúa Bouza Vella. Tras anos de discusións e queixas veciñais, o Concello decidiu que fosen os propios residentes maiores de 18 anos quen elixisen. E así foi. Vai quedar sendo unha vía de dobre sentido, tal cal estaba, por 29 votos a favor e 25 en contra. Un resultado axustado.
O antigo camiño de carros que era hai 50 anos a Bouza Vella foise ancheando aos poucos, coa cesión particular, pero xa non dá para máis. Topa cos muros das numerosas casas que foron agromando neste tempo, de locais e veraneantes. Durante o verán, úsase moito como atallo para as praias de Patos e Monteferro. Pero, sendo estreita, os coches aparcados fan dela unha trampa para centos de usuarios con retencións e problemas de paso acotío. Os peóns teñen que andar con mil ollos.
É a segunda vez que o Concello de Nigrán emprega o referendo popular para decidir aspectos municipais. Deste xeito tamén se decidiu hai meses o horario de acceso dos cans ás praias.