Reforma da lei do concurso un ano despois, por Maite Cancelo
OPINIÓN
Reforma da lei do concurso un ano despois, por Maite Cancelo
Este xoves e venres estase a celebrarse en Santiago de Compostela o XVII Encontro en Galicia de Profesionais do Dereito do Concurso. Organizado polo Consello Galego de Economistas e o Rexistro de Economistas Forenses (REFOR), participan máis de 200 expertos de toda España.
O título deste encontro é Afrontando el cambio de paradigma concursal e ten como obxectivo analizar o impacto do cambio lexislativo que se produce tras a entrada en vigor do texto refundido da lei do concurso (Lei 16/2022, do 5 de setembro). Un ano despois, os expertos, administradores no ámbito do concurso (economistas e avogados) e xuíces abordan a problemática xurdida por mor da implantación real da nova lei, e tamén as súas vantaxes e os retos para unha posible nova reforma.
O que é certo é que desde a entrada en vigor da lei se dispararon os concursos, tanto de empresas como de autónomos. A estatística do procedemento dos concursos dinos que no segundo trimestre deste ano se presentaron 5.934 concursos (4.679 de persoas físicas), o cal representa un 25 % máis que o mesmo trimestre do ano anterior.
Se analizamos os debedores concursados de forma voluntaria, se no segundo trimestre do ano 2022 eran o 48 % do total, no mesmo trimestre deste ano disparáronse ata o 94 % (5.602), e isto pode vir explicado, polo menos en parte, polos propios cambios normativos.
Unha das mesas de debate do encontro centrouse, precisamente, na picaresca de acudir ao remedio do concurso sen masa, un procedemento especialmente deseñado para pequenas empresas en situación de insolvencia cando o debedor carece de recursos para pagar os gastos derivados do procedemento e ao que se pode recorrer, entre outras posibles condicións, cando o concursado careza de bens e dereitos que sexan legalmente embargables.
Neste tema, o principal problema do que alertan moitos economistas e xuristas, dada a experiencia detectada neste ano, é que, previa á solicitude do concurso, se desfagan dos activos da empresa, cun claro matiz fraudulento, e soliciten este tipo de concurso para que sexan os propios acredores os que se teñan que facerse cargo dos gastos do procedemento. Outro problema adicional é o cobro da prestación dos traballadores da empresa que se acolla a estes concursos, xa que non o poderán facer ata a súa conclusión, co correspondente retardo temporal, un dos efectos da non obrigatoriedade de presenza dun administrador de concursos neste procedemento.
A vivenda familiar e o concurso de acredores tamén se está abordando. Hai que ter en conta que este é un dos principais incentivos negativos para o emprendemento empresarial. En España, a vivenda habitual é un ben embargable (con matices), ao contrario do que sucede noutros países, onde a vivenda non formaría parte da masa activa da actividade empresarial.
E algo moi relevante que anunciou na apertura das xornadas un membro do Comité Técnico do REFOR é que se elevou a consulta pública o borrador do Estatuto do Administrador do Concurso que regulará os requisitos de acceso á actividade, o nomeamento dos administradores ou a súa retribución, algo moi demandado polos profesionais do sector.
Unhas xornadas, por tanto, moi intensas, de amplo debate da análise dos resultados da posta en práctica desta lei, tan importante para os emprendedores e en que se están a abordar as cuestións que deben ser melloradas para que a lei sexa eficaz e teña en conta os problemas das empresas e dos autónomos, sobre todo as máis pequenas, e así poder evitar os concursos en momentos puntuais de crises e poder renovar a actividade empresarial en lugar de pechar as portas.