Remata o Entroido en moitas vilas galegas co enterro da sardiña
Ourense despide o Entroido co enterro da sardiña
O próximo sábado Ravachol será de novo enterrado seguido dun cortexo fúnebre pola zona histórica da cidade de Pontevedra

Moitas vilas galegas despiden o Entroido chorando a morte da sardiña nun solemne enterro que hoxe tocou pasado por auga na maior parte do territorio.
Ourense despide o Entroido de 2025 co enterro da sardiña deslucido pola chuvia. Foron 6 días de festa que encheron as rúas da cidade, e con bo tempo que acompañou a hoteis e restaurantes nunha semana de récord.
Ás 8 da tarde a comitiva partía encabezada por esa sardiña xigante, un grupo de choradeiras e figuras da corporación municipal, no seu percorrido final polas rúas do centro da cidade.
O papagaio Ravachol
Se hai un protagonista do Entroido de Pontevedra, ese é o papagaio Ravachol. Unha ave exótica que viviu a comezos do século pasado co boticario da cidade, e que os pontevedreses seguen lembrando pola súa irreverencia e carisma.
O Entroido pontevedrés celebra un dos seus actos principais coa recreación da botica de don Perfecto Feijoo. Xunto aos personaxes máis relevantes daquela época, á cita non faltou o papagaio Ravachol, que cada ano resucita para celebralo.
A principios do século XX, os 22 anos que Ravachol viviu na botica de don Perfecto deixou unha pegada imborrable na memoria dos cidadáns. Alí conquistou todos os clientes coa súa habilidade para falar.

Ravachol preside cada un dos actos do Entroido, como non o da súa propia botica cunha recreación á que asisten os personaxes da época que bailan e desfilan pola praza da Peregrina, onde sempre estivo a farmacia. A súa morte en 1913 causou unha profunda tristeza na cidadanía.
“Pontevedra é a alma máter do papagaio. Os que somos de aquí encariñámonos con el e quixemos representar a botica para facerlla ao papagaio”, explicou Manuel Fernández, Amigos de papagaio Ravachol.
Famoso por gastar bromas e facer trasnadas, co paso do tempo converteuse nunha figura querida e entrañable na cidade de Pontevedra.
A súa vestimenta é o segredo mellor gardado de cada Entroido. Este ano rendeulle homenaxe á sétima arte disfrazado de director de cine.
“Tentamos sempre que sexa unha crítica do que pasou durante o longo do ano en Pontevedra. Este ano é cine, polos premios Feroz”, indicou María Simal, Amigos do papagaio Ravachol.
O próximo sábado Ravachol será de novo enterrado seguido dun cortexo fúnebre pola zona histórica da cidade e poñendo fin ao Entroido pontevedrés.