Publicador de contidos
Publicador de contidos

Renfe pon á venda os billetes para os novos Avlo entre Galicia e Madrid desde sete euros

Renfe pon á venda os billetes para os novos Avlo entre Galicia e Madrid desde sete euros

Os convois comezarán a circular o vindeiro 22 de xullo

Renfe lanza 15.300 billetes de promoción a partir dos sete euros, que se poden empregar ata o 30 de setembro

G24.gal 05/07/2024 09:53 Última actualización 05/07/2024 11:23

Renfe puxo este venres á venda os billetes para viaxar nos novos servizos Avlo de Galicia e Asturias, que comezarán a prestar servizo desde o próximo 22 de xullo.

A empresa de transportes lanzou unha campaña con máis de 15.300 billetes de promoción, que van desde os sete euros, para viaxar en ambos os corredores ata o 30 de setembro.

Galicia e Asturias estrean este verán a súa conexión Avlo con Madrid cos novos trens S106 de 581 prazas. Trátase dos convois con maior capacidade de viaxeiros por tren que circulan actualmente pola rede ferroviaria nacional, segundo indicou a operadora nun comunicado.

Oito mil prazas máis á semana para viaxar entre Galicia e Madrid

Coa posta en servizo dos Avlo a oferta de prazas semanais Galicia-Madrid increméntase en 8.000. No caso de Asturias, o Avlo e o novo Alvia de Avilés supoñerán un incremento de preto de 9.400 prazas semanais.

En concreto, a nova oferta comercial supón en Galicia a implantación dun servizo Avlo diario de ida e volta, que alternará as súas orixes/destinos entre Vigo-Madrid e A Coruña-Madrid, con paso por Santiago de Compostela e con paradas en todas as estacións da liña: Segovia, Medina del Campo, Zamora, Seabra AV/AV, A Gudiña, Ourense, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra.

En sentido Madrid-Galicia, haberá un Avlo con saída ás 17:08 horas con destino A Coruña os luns, mércores, venres e sábados, con chegada ás 21:04 horas. Con destino Vigo Urzaiz, haberá os martes, xoves e domingos, con chegada ás 21:37 horas.

No sentido Galicia-Madrid, o Avlo con orixe A Coruña sairá ás 6:34 horas os martes, xoves, sábados e domingos, e con orixe Vigo os luns, mércores e venres ás 5:57 horas, con saída desde Santiago ás 7:06 horas e chegada a destino ás 10:32 horas.

O resto da oferta comercial entre Galicia e Madrid mantén as súas frecuencias actuais, aínda que con algunha leve modificación horaria en tres trens (Madrid 18:25-Ferrol 0:04, A Coruña 19:30-Madrid 23:03 e Madrid 20:23-Ourense 22:37).

En Asturias, Renfe pasará de catro a seis frecuencias a partir do 22 de xullo ao implantar unha nova oferta comercial, coa chegada do Avlo a Oviedo e Xixón desde Madrid, cun tren de ida e volta (seis días á semana) e paradas en todas as estacións de alta velocidade da liña.

A oferta de alta velocidade nos servizos comerciais ao noroeste tamén se complementa a partir do 22 de xullo cun novo tren pasante de ida e volta, que circulará entre León, Madrid e Valencia e que supoñerá un incremento de máis de 4.000 prazas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos