Renfe recibiu os dez primeiros trens Avril que operarán en Galicia e Asturias
Renfe recibiu os dez primeiros trens Avril que operarán en Galicia e Asturias
Renfe reclama a Talgo unha indemnización de 166,6 millóns de euros polos tres anos de atraso na entrega
Os novos modelos comezarán a operar o 21 de maio e os billetes están disponibles desde o 18 de abril
Renfe recibiu os primeiros dez trens da serie 106 de Talgo (coñecidos como Avril) para servir os traxectos de alta velocidade entre Madrid e Galicia e Asturias. As entregas dos 30 trens previstos no contrato con Talgo serán progresivas e os convois comezarán a operar o 21 de maio. Renfe comezará a vender os billetes o día 18 de abril.
O encargado de anunciar a recepción dos trens foi o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, que o fixo a través da rede social X. Deste xeito, tres anos despois do previsto, arranca o calendario da entrega dos vehículos. Por estes atrasos, Renfe reclama a Talgo unha indemnización de 166 millóns de euros (50 deles por lucro cesante) e 80.000 euros diarios máis desde o pasado 1 de abril.
RENFE ya ha recibido Los primeros diez trenes de la serie 106 para tener la flota más moderna de Europa y ofrecer nuevos servicios de alta velocidad a Galicia y Asturias, al tiempo que nos permitirá reubicar material para proporcionar mejores servicios en otros territorios. pic.twitter.com/5HfG8rdsw5
— Oscar Puente (@oscar_puente_) April 11, 2024
Ao recibilos Renfe fai unha recepción provisional tren a tren porque o feito de superar as probas non significa que os vaian poñer en circulación de forma inmediata. Os novos trens teñen 507 prazas por vehículo para o AVE e 581 para o servizo de baixo custo a través de AVLO, co que duplican a capacidade dos Alvia actuais e reducen o tempo de viaxes.
O pasado 6 de febreiro Renfe enviou a Talgo unha carta na que reclamaba os 166,6 millóns de euros e advertíalle da sanción de 80.000 euros diarios a partir do 1 de abril se os trens seguisen sen entregarse. A carta enviouse un día antes de que se anunciase formalmente a opa da empresa húngara Magyar Vagon sobre o 100 % Talgo.
Renfe consideraba na misiva que a documentación achegada por Talgo non xustificaba que os atrasos fosen imputables a factores externos e lembráballe que se trataba de "un flagrante incumprimento das súas obrigacións contractuais", que están a causar á operadora e aos usuarios importantes prexuízos.
Talgo alegara para xustificar a demora causas de forza maior, entre elas caídas na produción e interferencias na cadea de subministración xeradas pola covid-19 e outros eventos xeopolíticos. En 2016, Renfe adxudicou a Talgo por 1.281 millóns a construción de 30 trens de alta velocidade, 15 deles de ancho variable, que poden circular por vía convencional e estándar.