Que cambios introduce a reforma laboral?
Que cambios introduce a reforma laboral?
Reduce a contratación temporal e aumenta as sancións para os empresarios que incumpran
Recupera a ultraactividade dos convenios colectivos, que seguirán vixentes ata novo pacto
Un dos obxectivos principais da reforma laboral é a redución da temporalidade. Os contratos teñen que ser indefinidos por norma, e limita os supostos para facelos temporais. Só existirán para substituír un traballador ou por circunstancias da produción.
Impulsa o contrato fixo+descontinuo para actividades de tempada, en vez do de obra e servizo. E impón sancións maiores para os empresarios que incumpran e abusen da temporalidade: ata 10.000 euros por cada traballador en fraude.
"Unha empresa que cometa irregularidades en contratos diferentes, será sancionada de maneira independente en cada contrato, e non como antes que era unha sanción colectiva", explica Roberto Pereira dende o Consello Xeral de Economistas.
Recupérase o poder do convenio colectivo, que xa non decae ao ano de caducar senón que estará en vigor ata novo pacto. E en materia de salarios, manda o convenio sectorial e non o da empresa.
"As empresas que externalizan servizos e que estaban pagando por baixo do convenio sectorial, teñen un ano de prazo para actualizar as retribucións", explica o secretario xeral de UXT Galicia, José Antonio Gómez.
Gómez engade que os estudos que manexan, conclúen que esta medida vai supoñer "incrementos salariais moi importantes", que cifra entre "os mil e os sete mil euros".
Na reforma poténcianse e flexibilízanse os ERTE para evitar despedimentos, que son un dos puntos que quedaron sen reformar. "Iso de momento está perfectamente estipulado na reforma laboral de 2012" di o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites.
Para o presidente da CEG, esta reforma "dá estabilidade" e cre que é "boa para todos, para traballadores e para empresarios".