Repsol ameaza con sacar investimentos de España polo imposto extraordinario
Repsol ameaza con sacar investimentos de España polo imposto extraordinario
A petroleira di que o tributo está castigando o seu desenvolvemento industrial
O goberno afirma que os beneficios das empresas demostran que o imposto non prexudica
O aviso chegou durante a presentación de resultados de Repsol. O conselleiro delegado da petroleira Josu Jon Imaz ameaza con levar a outros países os investimentos previstos en España se se mantén o imposto extraordinario aprobado o ano pasado polo Goberno.
Josu Jon Imaz, conselleiro delegado de Repsol: "Está prexudicando as empresas que estamos investindo en España, estamos creando industria en España. Necesitamos ter un marco regulatorio e fiscal claro, predicible e estable. En caso contrario, temos outras alternativas".
Repsol gañou ata setembro 2.800 millóns de euros, o segundo mellor resultado da súa historia. Este mércores o Santander anunciou récord de beneficios e Iberdrola gañou ata setembro un 17 % máis. Para o Goberno, é a proba de que o imposto non é un problema.
A ministra de Facenda María Jesús Montero sostén que non tiveron ningún impacto nin ningunha repercusión nos beneficios cuantiosos que teñen estas empresas. "Por tanto, non ten ningún sentido ningunha expresión que conduza a facer unha valoración negativa en termos do imposto".
Non pensa igual o presidente da patronal. Garamendi cre que a carga tributaria impide pagar mellores salarios. "Para atraer talento tampouco vale que nos machaquen a impostos. Estase traballando en sentido contrario ás agullas do reloxo do que hai que facer", dixo o presidente da CEOE.
O tributo extraordinario á banca e ás enerxéticas recadará este ano case 3.000 millóns de euros. En principio, está previsto que estea en vigor un ano máis, aínda que o acordo PSOE-Sumar prevé prorrogalo de xeito indefinido.