Requisan 65 toneladas de fletán ao pesqueiro galego Villa Nores, armadora do Pitanxo
Requisan 65 toneladas de fletán ao pesqueiro galego Villa Nores, armadora do Pitanxo
Contra o barco pesa unha acta de sanción por infracción grave da Lei de Pesca Marítima por estes feitos
O excedente de capturas foi almacenado no Banco de Alimentos de Vigo
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra entregou ao Banco de Alimentos de Vigo as 65 toneladas de fletán conxelado que foron comisadas a bordo do pesqueiro galego Villa Nores, da mesma casa armadora que o Villa de Pitanxo, cuxo naufraxio en augas do Canadá deixou 21 falecidos en 2021.
O peixe, que procede do caladoiro de Terra Nova, foi confiscado tras a inspección realizada polo servizo de Agricultura e Pesca da Subdelegación entre os días 29 e 31 de xaneiro.
A inspección iniciouse tras arribar o buque ao porto de Vigo cunha alerta lanzada por parte dunha observadora oceanográfica sobre a posible presenza de aleta de quenlla vinculada a mariñeiros de orixe indonesia presentes na tripulación.
Contra o barco pesa unha acta de sanción por infracción grave da Lei de Pesca Marítima por estes feitos
Nesta revisión participaron tamén inspectores do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación chegados desde Madrid e no seu transcurso as autoridades acharon 65 toneladas de exceso na cota do fletán.
Estes feitos provocaron que se levantase contra o barco unha acta de sanción por infracción grave da Lei de Pesca Marítima.
O excedente de capturas foi enviado ao Banco de Alimentos de Vigo, porque conta con conxeladores industriais para poder almacenalo de maneira correcta.
Nos próximos días repartirase a outros bancos de alimentos, comedores sociais e entidades benéficas de toda Galicia, dado que se trata dunha gran cantidade de peixe.