Rescatados máis dun milleiro de migrantes nas Canarias na fin de semana
Rescatados máis dun milleiro de migrantes nas Canarias na fin de semana
Salvamento Marítimo coordinou o rescate de 19 embarcacións
A chegada de migrantes ás Canarias non cesa. Salvamento Marítimo efectuou o rescate de 19 embarcacións na ruta migratoria canaria durante toda esta fin de semana. Nelas viaxaban máis de mil persoas, entre elas varias mulleres embarazadas, tamén varios menores e bebés.
Este domingo foron rescatados máis de 670 migrantes, noutra xornada sen descanso.
Pola tarde unha lancha da Garda Civil desembarcou no peirao de La Restinga, en El Hierro, unha muller, un home, e dous menores por problemas de saúde. O home necesitaba asistencia sanitaria urxente. Unha vez en terra, o varón foi evacuado ao hospital insular de El Hierro por diferentes patoloxías.
Viaxaban nunha balsa que foi localizada ao sur de El Hierro con máis dun cento de persoas, que foron escoltadas por unha patrulleira cara a Tenerife.
Salvamento Marítimo ía tamén este domingo ao rescate doutra embarcación, que foi avistada por un pesqueiro a 78 millas ao sur de Tenerife, coa idea de achegalos ata o porto de Los Cristianos.
Ao mesmo tempo, a Salvamar Macondo dirixíase cara a unha balsa localizada a máis de 6 millas ao sur de Gran Canaria. Polo momento, non hai unha estimación aproximada de cantas persoas viaxan a bordo desas dúas embarcacións.