Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PSC gaña as eleccións, pero necesita a ERC e a Comuns-Sumar para gobernar

O PSC gaña as eleccións, pero necesita a ERC e a Comuns-Sumar para gobernar

As forzas independentistas quedan lonxe da maioría, co ascenso de Junts e a caída de ERC

O PP convértese na cuarta forza, con 15 deputados, e Ciutadans queda fóra da Cámara

Salvador Illa anuncia que vai presentar a súa candidatura para presidir a Generalitat

Salvador Illa comparece ante os medios para valorar os resultados (EFE / Quique García).
G24.gal 12/05/2024 18:51 Última actualización 13/05/2024 09:10

O PSC de Salvador Illa gaña as eleccións catalás con 42 dos 135 escanos dun Parlament que, por primeira vez desde 2012, non terá maioría absoluta independentista, nin sequera coa nova formación de extrema dereita Aliança Catalana, mentres que un tripartito de esquerdas si que sería posible. Podería formalo con Esquerra e os Comuns ou gobernar en solitario con apoios puntuais. O que xa confirma Salvador Illa é que si que se vai presentar á investidura.

Os que non suman para un posible goberno son os partidos independentistas, a pesar da suba de Junts, tres escanos, ata os 35 parlamentarios.  Desbancan a Esquerra da segunda posición e tampouco renuncian á investidura para evitar un tripartito liderado por Illa, que ven como unha mala solución para Cataluña. Con todo, a investidura de Puigdemont parece complicada, xa que precisarían da abstención dos socialistas, a cambio do apoio de Junts a Sánchez no Congreso. 

A forte caída de Esquerra deixa o independentismo en horas baixas. Os de Aragonès perden 180.000 votos e 13 parlamentarios, xa que baixan de 33 a 20 escanos. Din que pasarán á oposición.

O Partido Popular é a formación que máis sobe nestas eleccións. Pasa do último ao cuarto posto, de 3 a 15 deputados, 12 máis que en 2021. A continuación, sitúase Vox con 11 escanosComuns Sumar, que logra 6, dous menos que en 2021, e a CUP, que baixa de nove a catro.

Aliança Catalana, a formación de extrema dereita independentista que lidera a alcaldesa de Ripoll Sílvia Orriols, entra no hemiciclo con dous asentos, Ciutadans, que tiña seis, queda sen representación. Desaparecen tamén de Cataluña, o lugar que os viu nacer e onde chegaran a ser primeira forza hai sete anos.

A participación situouse no 57,96 %, 6,6 puntos porcentuais máis que nos comicios anteriores, marcados pola pandemia.

Candidatura para presidir a Generalitat

O candidato do PSC á Generalitat Salvador Illa anunciou que se presentará para ser investido presidente tras gañar as eleccións catalás con 42 escanos, unha vitoria que, segundo dixo, supón que "Cataluña abre unha nova etapa".

Recibido ao berro de "president, president" e "visca, visca, visca Catalunya socialista", na valoración dos resultados, Illa destacou que é a primeira vez na historia que o PSC gaña unhas eleccións catalás tanto en votos como en escanos.

Segundo Salvador Illa, a cidadanía decidiu nestes comicios que o PSC lidere una nova etapa e  asume esa responsabilidade.

"Os cataláns decidiron que corresponde ao PSC liderar esta nova etapa. Anúnciolles que asumo esta responsabilidade e que, en canto se constitúa o novo Parlament, manifestarei a miña vontade de presentar a miña candidatura para presidir a Generalitat de Catalunya".

Puigdemont avisa do risco dun tripartito e chama a ERC a negociar 

Puigdemont non tira a toalla a lograr "un goberno sólido catalán". Moi eufórico polos resultados, fellicitou o PSC e resaltou que a súa forza é a única que sobe en votos e deputados das forzas independentistas.

Avisa dun risco dun tripartito e chama a ERC a negociar un acordo que o faga president, xa que a outra posibilidade é mala para Cataluña. Reclamou un goberno sólido de obediencia netamente catalá.

Continuar "dende a oposición"

O líder de ERC e aínda presidente catalán considera que os resultados foron "moi malos" para a formación republicana, polo que agora toca asumir a vontade cidadá e dar paso á "nova etapa" que se abre. De feito, asegurou que van continuar co seu proxecto político dende a oposición.

Pere Aragonès dixo que as responsabilidades individuais e colectivas deberán asumirse unha vez que a formación analice con máis calma os resultados, co que abriu a porta a abandonar a primeira liña política.

Alejandro Fernández: "O PP volve con máis forza ca nunca" e logra que os independentistas non sumen

O lider do PP catalán Alberto Fernández asegurou que o seu partido volveu en Cataluña e que o fai con máis forza ca nunca. Agradeceu o apoio da dirección nacional do partido e dixo que lograron todos os seus obxectivos.

Asumen, afirma, o liderado das forzas constitucionalistas en Cataluña e que os catalán remataron nas urnas co procés. Afirma Fenández que os resultados son un paso de xigante para lograr "o cambio político en España da man de Núñez Feijóo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade