Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arde por completo un taller electromecánico do polígono do Temple, en Cambre

Arde por completo un taller electromecánico do polígono do Temple, en Cambre

Rexistra danos, con xanelas rotas e cos coches totalmente calcinados, malia que aínda non puideron determinar cantos vehículos había no interior

Xa arredor de media mañá deuse por controlado o incendio, segundo fontes municipais, aínda que os efectivos seguían traballando para arrefriar a nave

Incendio no taller de coches, en Cambre
G24.gal 09/10/2024 12:33 Última actualización 09/10/2024 13:23

Os servizos de emerxencias deron por controlado o incendio que devorou unha nave dun taller de coches en Cambre, aínda que os medios de extinción continuaron arrefriando a zona.

O incendio orixinouse contra as dez e media da mañá. Segundo traballadores da empresa lindeira, comezou na máquina de lavado onde operarios do taller estaba a limpar pezas do motor dun coche. "Eu estaba traballando e xa nos mandaron saír", indicou un deles.

O 112 asegurou que sobre as 10:30 horas recibiu o aviso dun particular que alertou de que había un incendio na rúa do Polígono, 8, na zona do Temple, no municipio de Cambre, e que un taller de vehículos de dúas plantas estaba "a arder con intensidade practicamente na súa totalidade".

Foron os propios traballadores os que alertaron os servizos de emerxencias tras intentar, sen éxito, apagar o lume con dous extintores.

"Dixéronnos que non o podían controlar. Cando chegamos nós atopámonos cunha nave completamente ardendo, máis dunha ducia de coches afectados no interior e moito lume e fume", explica Manuel Varela, coordinador do Servizo de Emerxencias de Cambre.

Os danos materiais son cuantiosos, pero, por sorte, todos os traballadores que estaban no interior puideron saír polo seu propio pé e sen sufrir feridas.

Ademais dos bombeiros de Arteixo, tamén se desprazaron ata o punto para colaborar na extinción os de Betanzos e os da Coruña.

En menos de dúas horas, os bombeiros lograron controlar o incendio e comprobaron que non afectase ás naves lindeiras. Á zona desprazouse a alcaldesa de Cambre, María Pan, que agradeceu o labor realizado polos efectivos e a actuación rápida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade