Publicador de contidos
Publicador de contidos

Risco de contaxio por contacto de hipertricose cos tratamentos para a calvicie

Risco de contaxio por contacto de hipertricose cos tratamentos para a calvicie

A transmisión entre persoas pode darse por contacto, despois de empregar o fármaco

Os efectos do medicamento desaparecen se non se continúa coa súa aplicación

G24.gal 30/11/2024 14:38 Última actualización 30/11/2024 15:00

Unha investigación do Centro de Farmacovixilancia de Navarra detectou que once bebés desenvolveron un crecemento de pelo superior ao normal debido ao contacto que tiveron cos pais que usaban un medicamento para tratar a alopecia.

A hipertricose, tamén coñecida como a "síndrome do home lobo", é unha doenza que se manifesta cun crecemento esaxerado do pelo en distintos lugares do corpo.

Despois de detectarse esta enfermidade nun bebé e constatar que o pai estaba tratando a súa alopecia co fármaco minoxidil investigouse se podía haber transmisión por contacto entre pais e fillos, e localizáronse 10 casos máis.

Os dermatólogos alertan de que é un medicamento seguro, pero que é preciso ser coidadoso na súa aplicación.

"Nós intuímos que o que puido ocorrer foi que estes pais, que realizaban o tratamento para a alopecia, despois de aplicalo na cabeza, esqueceron lavar as mans. Posteriormente na manipulación dos bebés, os restos de medicamento que lles quedaran nas mans foron absorbidos pola pel dos cativos. Simplemente o minoxidil fixo o seu efecto, que é que saia pelo na zona onde se absorbe", explica a dermatóloga María Jesús Suárez Valladares

Os médicos aseguran que o fármaco, de uso frecuente, só ten efecto mentres se está empregando ou hai contacto. 

 "Polo tanto estes cativos no momento en que se vexan privados desa absorción continuada de minoxidil todo volverá á normalidade. O pelo que saíra caerá e non haberá maior problema", recorda Suárez Valladares

Desde o Centro de Farmacovixilancia de Navarra xa deron aviso á Axencia Europea do Medicamento para que contemple este risco nos prospectos das locións con minoxidil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade