Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rishi Sunak, arquitecto do plan económico para lidar coa pandemia

Rishi Sunak, arquitecto do plan económico para lidar coa pandemia

EFE 02/09/2022 11:40

Rishi Sunak, o antigo ministro de Economía que dimitiu en xullo en descontento coa xestión de Boris Johnson, é un político ambicioso, popular entre o seu grupo parlamentario e arquitecto do plan económico para lidar coa pandemia.

Na súa carta de dimisión o pasado 5 de xullo, Sunak admitiu que quizais o posto de titular de Economía fose o último "emprego ministerial", pero subliñou que os estándares de boa conduta "importan" e distanciouse da falta de "seriedade e competencia" do aínda, ata o 6 de setembro, premier Boris Johnson.

Durante o proceso para elixir o novo líder tory, Sunak resultou o candidato máis votado entre os deputados conservadores, mentres que en segundo lugar quedou a ministra de Exteriores Liz Truss.

Sunak e Truss fixeron campaña nas últimas semanas para conseguir o apoio dos 160.000 afiliados conservadores, que son os que deciden cal dos dous será o próximo xefe de Goberno.

Durante a campaña interna, Sunak atacou unha e outra vez o plan de Truss de recortar impostos, por considerar que levaría o país a un maior endebedamento e impulsaría unha maior alza da inflación.

Sunak prometeu, se chega ao poder, máis axudas para facer fronte ao aumento exponencial dos prezos da enerxía este inverno.

Co seu plan de protección de emprego e investimentos durante a pandemia, Sunak chegou a ser un dos membros favoritos do Goberno tory e era visto como potencial candidato a futuro primeiro ministro e líder do Partido Conservador.

Con todo, unha polémica sobre a situación fiscal da súa esposa Akshata Murty, filla dun magnate indio, embazou as súas perspectivas e foi presentado na prensa como un millonario afastado das preocupacións do gran público.

Tampouco contribuíu á súa popularidade o ser multado por participar nunha das festas que violaron as normas anticovid-19 nas oficinas de Downing Street, polo que pediu desculpas aínda que el sempre defendeu que só estaba de paso.

Sunak chegou ao cargo de chanceler do Exchequer, o máis importante despois do de primeiro ministro, o 13 de febreiro de 2020, en substitución de Sajid Javid.

Traballou no sector das finanzas

Previamente, o político de 42 anos fora xefe do Tesouro desde xullo de 2019, despois de estrearse como deputado na Cámara dos Comúns en 2015 tras unha carreira no sector das finanzas.

Tivo cargos en varias firmas financeiras, entre elas o banco de investimento Goldman Sachs e o fondo de capital risco The children's investment Fund Management.

En 2010 uniuse a outra xestora de fondos, Theleme Partners, e foi director de Catamaran Ventures, propiedade do seu sogro, o millonario indio N. R. Narayana Murthy.

Criado na cidade de Southampton (sur inglés), o ministro, de relixión hindú, é fillo de Yashvir, que era médico, e Usha Sunak, farmacéutica, e neto de inmigrantes orixinarios da rexión india do Punjab, que chegaron ao Reino Unido nos anos sesenta.

Sunak, o maior de tres irmáns, educouse no colexio privado de Winchester e, como é típico entre a clase política deste país, licenciouse en Filosofía, Política e Economía (PPE, en inglés) pola Universidade inglesa de Oxford.

Completou os seus estudos cun mestrado en Administración de Empresas na Universidade estadounidense de Stanford, á que accedeu cunha bolsa Fulbright, onde coñeceu á súa esposa, nai das súas dúas nenas e filla do cofundador da multinacional Infosys.

Do que se coñece do seu perfil político, sábese que apoiou a saída da Unión Europea na consulta de 2016 e apoiou o acordo negociado con Bruxelas pola anterior primeira ministra Theresa May, rexeitado tres veces polo Parlamento.

Á fronte do Ministerio de Economía, Sunak tivo que lidar sobre todo cos efectos da covid-19 e, aínda que se lle valorou a súa reacción inicial de apoio á economía, ultimamente foi criticado polo seu plan de subir os impostos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade