O mosqueteiro Alcaraz gaña o seu primeiro Roland Garros
O mosqueteiro Alcaraz gaña o seu primeiro Roland Garros
Derrotou a Zverev en cinco sets e máis de catro horas de partido (3-6, 6-2, 7-5, 1-6, 2-6)
Carlos Alcaraz gañou o terceiro grande da súa carreira aos 21 anos, o primeiro trofeo en París na pista de Roland Garros un lugar emblemático para o tenis español. Alcaraz impúxose en cinco sets (3-6, 6-2, 7-5, 1-6, 2-6).
O primeiro set comezou cos dous xogadores rachándose o saque cos nervios de afrontar a final dun Grand Slam. Alcaraz foi o primeiro en coller o mando do partido, consolidar o seu saque e aproveitar outra rotura para gañar o primeiro set por 3-6.
Cambiou o partido no segundo set. Zverev foi o que rachou o saque de Alcaraz no quinto xogo e gañou catro xogos consecutivos para igualar o partido (6-2). O terceiro set resultou fundamental. Gañaba Alcaraz por 2-5 pero Zverev reaccionou desta volta con cinco xogos seguidos para anotarse o terceiro set por 7-5.
No cuarto set o murciano pasou o rolo. Adxudicouse os catro primeiros xogos de xeito consecutivos. Os dous xogadores comezaban a acusar o cansazo, pero Alcaraz anotouse o parcial pola vía rápida (1-6).
Entraban os dous nun quinto set con máis de catro horas de partido. Había que suar cada punto. Zverev tivo catro posibilidades para romper o servizo de Alcaraz e non as aproveitou. O español si conseguiu ser efectivo e esnaquizou o saque do alemán en dúas ocasións. Asegurou o seu saque e gañou por 2-6 inscribindo o seu nome no prestixioso palmarés de Roland Garros.