O Vaticano prepárase para despedir a Bieito XVI nunha cerimonia solemne e sobria
O Vaticano prepárase para despedir a Bieito XVI nunha cerimonia solemne e sobria
A capela ardente instalarase na basílica de San Pedro este luns
O funeral do xoves será unha cerimonia solemne e sinxela
Un día despois do falecemento, o Vaticano publicou as primeiras imaxes dos restos mortais do papa emérito na capela do mosteiro que foi a súa casa durante dez anos, desque renunciou ao pontificado.
A partir deste luns e durante tres días, o corpo de Bieito XVI estará exposto na basílica de San Pedro para que toda a cidadanía que o desexe se poida despedir do papa defunto.
O xoves o papa Francisco oficiará o funeral polo seu predecesor, na praza de San Pedro, nunha cerimonia que o Vaticano quere solemne pero sobria para respectar os desexos do papa emérito.
Queda por saber se se respectará o protocolo e o simbolismo doutras mortes papais, xa que Bieito XVI foi o primeiro pontífice en renunciar en 600 anos.
Está claro que non haberá conclave para elixir o seu sucesor porque ese cargo xa o ocupa Francisco desde hai dez anos. E tampouco se destruirá o anel papal que simboliza a fin dun pontificado porque xa se fixo en 2013 no momento da súa renuncia.
Pero queda por saber se, como manda a tradición, o corpo de Joseph Ratzinger irá acollido en tres cadaleitos, nin se se decretarán nove días de loito.
Seguridade
Mentres, Roma reforza as medidas de seguridade e se prepara para acoller os milleiros de persoas que previsiblemente pasarán pola capela ardente.
A Santa Sé publicou este domingo o testamento espiritual que Bieito VI redactou en 2006. Nel pide perdón a todos os que puido facer dano ao longo da súa vida.