Publicador de contidos
Publicador de contidos

Román Rodríguez avoga por "máis consenso" en Educación no novo ciclo político

Román Rodríguez avoga por "máis consenso" en Educación no novo ciclo político

"Sexa quen sexa o próximo presidente do Goberno e sexa quen sexa o próximo ministro", di o conselleiro de Educación, quen destaca a boa marcha do sistema en Galicia 

G24.gal 26/09/2023 16:22

O conselleiro de Educación asegura que o curso escolar arrancou con normalidade no sistema educativo galego, ao que sitúa na vangarda de España. Nunha comparecencia no Parlamento, Román Rodríguez destacou as cifras da Formación Profesional, que bate récords de matriculación.

O conselleiro avogou por un "maior consenso" no marco da Conferencia Sectorial de Educación no novo ciclo político.

"Sexa quen sexa o próximo presidente do Goberno e sexa quen sexa o próximo ministro de Educación, a Conferencia Sectorial debe camiñar cara a un maior consenso na procura dunha participación real e non ficticia como ata o de agora", dixo.

Rodríguez criticou "o caos" que ao seu entender xerou o Ministerio de Educación coa LOMLOE, a lei educativa en vigor aprobada en decembro de 2020, que entre outras cousas, subliñou, devalúa "a cultura do esforzo".

Román Rodríguez defendeu o sistema educativo galego que, dixo, pon de manifesto as principais variables "que miden" a súa saúde, tanto no rural como no ámbito urbano, precisou. "Calquera debate sobre o sistema educativo debe ser coherente e planificado, temos un sistema co que alcanzamos os mellores resultados da nosa historia", considerou.

Afirmou, nesta liña, que "fronte á improvisación do Ministerio, ignorando ás comunidades autónomas en moitísimos casos, as nosas políticas son estables no tempo, son asumidas polo profesorado e pola comunidade educativa e están a dar bos resultados", destacou.

Alertou da "ameaza certa" á que se enfrontan as prácticas curriculares dos alumnos de Formación Profesional debido á "descoordinación" entre os distintos ministerios, "coa gravidade que algúns poderían chegar a non poder titularse", asegurou.

Respecto a esta titulación, o conselleiro dixo que a FP galega marca un novo récord ao superar por primeira vez os 64.500 alumnos, precisando que a matrícula de Formación Profesional gana 3.687 estudantes e crece un 6 % respecto ao ano pasado e un 86 % respecto a 2008-09.

Román Rodríguez avanzou novos plans en materia de inclusión, convivencia, innovación ou dixitalización, e reclamou ao Goberno central "máis diálogo" ante a nova configuración do mapa autonómico en aspectos como a ABAU ou a cotización de prácticas en empresas.

Ás portavoces do BNG e PSdeG o conselleiro acusounas de "absoluta falta de obxectividade" pola súa "debilidade argumental e estatística", e afirmacións "que se contradín con datos do propio Ministerio", sinalou.

A socialista Noelia Otero acusou ao titular de Educación de fuxir dos verdadeiros problemas do sistema educativo galego dos que se queixan as familias e os docentes, e avogou por un sistema de préstamo universal de libros máis alcanzable e eficiente que cubriría ás familias galegas, moitas delas endebedas este curso.

Otero tamén demandou ao conselleiro unha reunión urxente da mesa sectorial para escoitar as demandas dos docentes, e acusouno de non falar dos temas que verdadeiramente "lastran" o sistema educativo. "Vostede defende un sistema educativo que non é progresivo e non defende as necesidades das clases sociais máis baixas", dixo a socialista.

Pola súa banda, a nacionalista Cristina Fernández Davila acusou o Goberno galego do Partido Popular de "unha destrución planificada" e de pensar unicamente en pechar centros públicos. "Ao final sempre é o mesmo, sacamos fondos públicos e investímolos no ensino privado", dixo a parlamentaria.

"Desde 2009, cando o PP alcanzou o goberno da Xunta, é unha conta atrás para o desmantelamento de servizos públicos como a sanidade e a educación abrindo un gran nicho de negocio para empresas do sector privado afíns ao seu partido", afirmou a deputada do BNG.

Sol Díaz Mouteira, do grupo parlamentario Popular, emprazou as portavoces de educación do BNG e PSdeG de deixar ao carón "o ataque, a alarma e a confusión" e dispoñerse a falar "da confianza que a sociedade ten no sistema educativo galego".

"Vostedes sementan dúbidas sobre a educación no rural", acusou Mouteira a oposición, para engadir que os "bos resultados" que ao seu entender avalan o sistema educativo galego "non entenden de diferenzas xeográficas". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade