Publicador de contidos
Publicador de contidos

Román Rodríguez: "Galicia é a terceira comunidade que máis inviste por alumno"

Román Rodríguez: "Galicia é a terceira comunidade que máis inviste por alumno"

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades dixo que levamos varios anos seguidos tendo os maiores orzamentos da historia en educación

G24.gal 05/09/2023 10:17

O vindeiro luns, día 11 de setembro, 225 mil estudantes galegos volven ás aulas en infantil, primaria, secundaria e bacharelato. Estes son os días previos dunha mestura de nervios e ganas para os rapaces e de facer contas para as familias, porque o contexto de inflación tamén se deixa notar, e moito, nesta volta ao cole.

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, estivo no programa Bos días para explicar cales van ser as liñas polas que aposta a Xunta este ano.

É o segundo ano da implantación da LOMLOE, un decreto que supón unha renovación total dos libros, que o conselleiro resaltou: "É un custo que asumimos as comunidades autónomas sen ningunha axuda do Goberno do Estado, que é quen provoca esta necesidade de cambiar os libros".

Román Rodríguez tamén se amosou consciente de que o comezo deste curso é complicado no económico: 

"Somos conscientes de que existe unha situación económica difícil, que soben as hipotecas, que soben os combustibles, que sobe a alimentación, e todo iso afecta a economía familiar. Intentamos minimizar o impacto económico e axudar a quen máis o precisa".

Varias liñas de axuda cun orzamento duns cen millóns de euros. 

"Para este curso académico a Xunta de Galicia duplica as axudas con respecto ao momento prepandémico. Co sistema que existe tanto de fondo solidario, o banco de libros e o libro dixital, o que pretendemos é axudar a quen máis o precisa e ter un sistema equitativo para axudar as familias", sinalou Rodriguez.

A oposición pide a volta á gratuidade dos libros de texto e a consellería defende que era un sistema inxusto socialmente e non funcionaba ben. O conselleiro asegurou que moitas familias tiñan que mercar igual os libros por insuficiencia do sistema.

"No xeraba un efecto redistributivo. Os fillos e fillas de familias de altos ingresos tiñan a mesma axuda que as familias de poucos recursos. A administración debe procurar unha distribución equitativa en función de cada caso concreto e non facer un café para todos".

Na Xunta din que as axudas van chegar a un 40 % das familias

"O 70 % dos alumnos reciben algún tipo de axuda, e en momentos especialmente complexos coma este cunha altísima inflación debemos, seleccionar e priorizar os investimentos nas familias que máis o precisan, tendo en conta os ingresos familiares", segundo Roman Rodríguez.

Nun contexto de inflación, a Xunta acordou aumentar ata os case 26 millóns de euros as axudas para a compra de libros e material escolar. A contía para libros oscila este curso entre os 160 e os 270 euros, fronte aos 140 e 240 euros do ano pasado. E do bono para material poderán beneficiarse as familias con rendas inferiores a dez mil euros e non a seis mil como ata agora.

"Son 140.000 persoas máis. Estamos a falar dunhas cifras moi grandes, porque somos conscientes de que a suba dos prezos é moi importante, a situación é complexa, é difícil, e por iso cada vez é máis importante priorizar e facer un uso xusto e equitativo dos recursos públicos", afirmou o conselleiro.

Vese cada vez menos nenos e nenas sobre todo nos cursos de comezo da escolarización e de primaria, por cuestións demográficas. Este ano vai haber uns 2.600 alumnos e alumnas menos que o curso anterior, o cal vai afectar a unha redistribución dos centros educativos e do persoal.

"O mapa educativo é un mapa vivo, e por desgraza en Galicia temos nos últimos anos unha caída da natalidade e unha baixa demográfica. Hai menos entrada de nenos e nenas no sistema e hai que equilibrar e buscar unha nova distribución dos recursos tanto humanos como materiais ás necesidades dos alumnos e alumnas. Temos unha caída nos primeiros cursos, pero nos últimos cursos de ESO e bacharelato estamos mantendo un incremento, que se ben é inferior á caída, axuda a equilibrar ese descenso. Malia ter menos alumnos imos ter máis grupos educativos e imos ter máis profesores, o que demostra a aposta que estamos a facer pola educación", dixo o conselleiro.

Os sindicatos critican a proporción que ten a Xunta de profesores polo volume de alumnos, e din que son poucos docentes.

"No conxunto de Galicia e dos sistema educativo imos ter con menos alumnos máis profesores. E falar de recortes é moi complexo cando levamos varios anos seguidos tendo os maiores orzamentos da historia en educación. Galicia é despois de Euskadi e de Navarra, que teñen réximes fiscais diferentes, a comunidade autónoma que máis inviste por alumno, e conforme á aposta que facemos pola atención á diversidade, á Formación Profesional", puntualizou Román Rodríguez 

O alumnado de Segundo de Bacharelato comeza setembro sabendo que a finais de curso se vai enfrontar a unha proba similar á do curso pasado, xa que o Goberno decidiu aprazar a reforma da ABAU. Unha petición que se fixo tamén desde Galicia. O conselleiro Román Rodríguez envioulle unha carta ao ministerio pedindo que paralizara o seu proxecto.

"A historia da reforma é un auténtico caos, un despropósito. É certo que a ABAU hai que reformala para xerar igualdade entre os alumnos. Non é lóxico que para unha única porta de entrada no sistema universitario haxa 17 camiños diferentes. Queremos que unha moza ou un mozo de Lugo teña as mesmas oportunidades que unha moza ou mozo de Huelva ou de Soria, e para iso é necesaria unha proba única", en verbas de Rodriguez. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade