Román Rodríguez: "Temos que preservar a cultura do esforzo e non xestionar un todo gratis"
Román Rodríguez: "Temos que preservar a cultura do esforzo e non xestionar un todo gratis"
O conselleiro de Educación defende os criterios que permitirán que o alumnado universitario e de ensinanzas artísticas estude de balde a partir de setembro
Rodríguez pídelle ao Goberno que fixe uns criterios comúns e homoxéneos na nova PAU: "Estamos perpetuando a desigualdade das persoas e iso é un erro"
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, defendeu no Bos días da TVG os criterios establecidos pola Xunta e que permitirán que, a partir de setembro, o alumnado galego universitario e de ensinanzas artísticas poda estudar de balde na nosa comunidade. "É un grande avance social que favorece a igualdade de oportunidades e potencia a cultura do esforzo", aseverou Rodríguez.
O conselleiro afirma que con esta medida Galicia convértese na única comunidade de España onde o alumnado poderá estudar de balde desde o primeiro ciclo de Infantil ata rematar os seus estudos universitarios. Trátase, asegura, dun "compromiso electoral" que se pode facer en Galicia porque "hai unha estabilidade política e unha folla de ruta".
Así, desde setembro, todos os alumnos e alumnas galegos que superasen a ABAU entren na universidade ou en ensinanzas artísticas superiores van ter a matricula gratuíta e poderán manter esta gratuidade nos seguintes cursos "sempre que se manteñan uns créditos porque debemos manter a cultura do esforzo e non desvalorizar a educación e manter o todo gratis".
As comunidades gobernadas polo PP piden criterios comúns e homoxéneos na nova PAU
O conselleiro de Educación defende o traballo que están realizando as comunidades gobernadas polo PP para establecer "criterios comúns e homoxeneizar as probas" para acceder á universidade. Critica que neste momento existan "dezasete camiños diferentes con criterios de corrección, metodoloxías e temáticas diferentes" para entrar no sistema universitario; un sistema que, ao seu xuízo, "xera desigualdades"
Román Rodríguez di descoñecer "como se vai implementar" a chamada nova PAU e cre que o Goberno non fixa uns criterios comúns "por motivos políticos, por estar atados en certa medida aos seus socios". Para o conselleiro, isto é "un erro porque estamos perpetuando a desigualdade das persoas", defende "apostar por que un alumno de Lugo teña as mesmas oportunidades que un de Cádiz, un de Tarragona ou un de Navarra".
Na entrevista, o conselleiro salientou a "oferta histórica" lanzada pola Xunta para acceder á Formación Profesional, con case 47 mil prazas de novo ingreso, un 11 por cento máis que o curso pasado. Unha oferta "moi completa", que ao seu xuízo, xera "unha dobre ventá de oportunidades"; tanto para o alumnado como para a empresa. Unha estratexia que, en palabras de Rodríguez, posibilita que unha persoa poda formarse como profesional crear un posto de traballo e poida axudar a que Galicia teña actividades económicas máis competitivas".
O conselleiro tamén se referiu ás oposicións celebradas esta fin de semana para acceder a unha praza no ensino público galego. Son arredor de 22.000 persoas as que optan a ocupar as preto de 1.800 prazas ofertadas. Rodríguez indicou que desde o ano 2009 convocáronse arredor de 19.000 novas prazas de profesores e que, na actualidade, Galicia é unha das comunidades de España con menos taxas de interinos. Segundo o conselleiro, contar con equipos "estabilizados e motivados permite ter unha continuidade e unha estabilidade nos proxectos" que acaba redundando no "éxito escolar".