Rouban dúas veces en tres días nun mesmo negocio de Ferrol
Rouban dúas veces en tres días nun mesmo negocio de Ferrol
En total levaron, nos dous roubos, case 4.000 euros
A Policía Nacional sospeita que se trata do mesmo delincuente
Dous roubos en menos de tres días. Neste caso os feitos sucederon en Ferrol, de madrugada e nun mesmo negocio.
O local comercial, situado na praza de España, converteuse no centro das falcatruadas dos ladróns. Mariela e John sufriron en menos de tres días dous roubos no seu negocio que abriron hai un ano.
Cando John Malel chegou o sábado, a Policía Nacional xa estaba no lugar dos feitos, pero xa non había rastro do ladrón. "Romperon as pechaduras de abaixo e tamén o sensor pois son portas automáticas" explica, "e ao que soou a alarma deulle tempo de achegarse á caixa, levar o diñeiro e marchar".
O primeiro roubo sucedeu na madrugada do sábado para o domingo e o último este mesmo martes ás cinco e media da mañá. Desta volta, ao delincuente resultoulle máis sinxelo entrar, pois o motor das portas automáticas seguía roto do primeiro roubo. "Ao seguro non lle deu tempo de arranxalo, entón tan só tivo que forza a pechadura" lamenta John.
No último roubo o ladrón empregou a lanterna do móbil para evitar que as cámaras de seguridade do local captasen a imaxe. Precisou tan só duns minutos, pois o autor dos feitos dirixiuse nas dúas ocasións directamente á máquina rexistradora moi preto da porta de entrada principal.
Polo de agora, a Policía Nacional segue a investigar os roubos, pero sospeitan que se trata da mesma persoa e están a cercar o círculo nos habituais amigos do alleo da zona.