Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rouban un botín de 11.000 euros nunha tenda estanco de Silleda

Rouban un botín de 11.000 euros nunha tenda estanco de Silleda

Actuaron encapuchados, de madrugada e facendo un burato na reixa 

En tres minutos levaron 9.000 euros en tabaco e 2.000 das caixas rexistradoras

G24.gal 05/05/2023 14:20 Última actualización 05/05/2023 14:51

Na escuridade da noite os ladróns fixeron un burato na reixa da tenda estanco de Lamela. Dobraron as puntas do arame para non mancarse nin deixar pegadas. Despois forzaron a caixa da persiana e a pechadura e entraron no local facendo saltar as alarmas.  

"Chamaron da central de alarmas ás 4:33, avisáronme do roubo a min e a policía. Cando chegamos non había xa ninguén no establecemento e vimos que levaran todo o tabaco e as dúas caixas rexistradoras", explica Patricia Pereiro, a propietaria da Despensa do Ferrador.

As cámaras gravaron dous homes encapuchados, que logran facerse con 11.000 euros de botín en tan só tres minutos.

"Levaron 9.000 euros en tabaco, 2.000 do efectivo das caixas e tamén hai que contar os danos da persiana, a reixa e a pechadura", lamenta Patricia.

Malia que a alarma soou no interior do local, ningún dos veciños da contorna escoitou nada sospeitoso.

"Estaba esperta e non sentín nada".

"Foron caladiños, sabían o que facían", din os veciños.

As caixas rexistradoras apareceron tiradas en Boimorto e a Policía investiga o roubo.

"No momento chegou a Garda Civil, tamén viñeron da científica a coller pegadas e agora está en mans da Policía, a ver se resolven", agarda a propietaria.

Mentres a investigación avanza, Patricia tenta superar o golpe coa axuda da súa fiel clientela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade