Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rubén Fernández: "Gustaríame estar loitando entre os cinco primeiros ou o podio nalgunhas carreiras"

Rubén Fernández: "Gustaríame estar loitando entre os cinco primeiros ou o podio nalgunhas carreiras"

O vigués analizou, no 'Gas a fondo' da Radio Galega, o salto a MXGP, onde coincidirá con Jorge Prado

G24.gal 06/02/2022 09:42

De comezar o ano 2021 na categoría MX2 cunha moto privada, un chanzo por debaixo das oficiais, a ter oco en MXGP con Honda doce meses despois. O curto pero intenso camiño do vigués Rubén Fernández ata a elite foi o fío condutor da conversa que mantivo na sección de motor 'Gas a fondo', na previa da segunda cita dos Internacionais de Italia, proba de gran prestixio na pretemporada de motocross

"Estou en Riola de Sardo, en Sardeña, nun circuíto en que xa corremos o pasado ano. É de area, non é dos que máis me gustan. A fin de semana pasada, sen case experiencia sobre a moto, puiden ser terceiro e incluso liderando nalgún momento a carreira. Teño que ir mellorando a posta a punto da Honda de 450. Aínda falta para saber onde estamos, pero xa dende o ano pasado, vendo os resultados sen apenas adaptación, a verdade é que empeza un a crer que pode estar aí"

A progresión do vigués en 2021 foi espectacular, pero pasou por varias fases, non todas elas positivas. Rubén Fernández recoñece que, de todas, sacou beneficio para a súa carreira.

"Levar a placa vermella de líder de MX2, ter cinco podios cun equipo con menos medios que o resto, foi algo a ter en conta. Logo chegan as caídas, as lesións. Vives con resignación, frustración e rabia cando non podes estar correndo.  Non pola dor. Pero aproveitas para pulir erros e creo que viu ben dar ese pasiño atrás. A saída é a metade da carreira e sei que teño que mellorar nese aspecto"

No primeiro curso post-Cairoli, a loita polo título preséntase apaixonante. Rubén sabe que pode ser moi competitivo na súa nova montura, pero quere ir con precaución nunha categoría con moitos galos no curral.

"Son moitos os pilotos que poden loitar polas carreiras e estará moi aberto. O actual campión, Herlings, lesionouse esta semana, Seewer tamén a finais do ano pasado. Segue Gasjer, Jorge Prado, que creo que coa Gas Gas será igual de competitivo. Eu quero ir pouco a pouco. O ano é longo e aínda queda camiño para saber onde estarei. Gustaríame estar regularmente entre os dez primeiros, poder entrar no Top 5 e incluso nalgunhas carreiras loitar por algún podio. Quero estar a final de ano entre os máis rápidos do Mundial"

Rubén Fernández engádese así a Jorge Prado, formando a dupla galega que os afeccionados galegos poderán desfrutar neste 2022 a través da G2, nas retransmisións do Mundial de motocrós. A primeira cita será o 20 de febreiro en Gran Bretaña. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar