Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rubiales, condenado a unha multa de 10.800 euros polo bico a Hermoso e absolto de coaccións

Rubiales, condenado a unha multa de 10.800 euros polo bico a Hermoso e absolto de coaccións

A Audiencia Nacional condena o expresidente da RFEF polo delito de agresión sexual e absolve tamén a Vilda, Luque e Rivera do delito de coacciónss porque "non houbo violencia nin intimidación"

O xuíz dá "plena credibilidade" a Jenni Hermoso e alude á "connotación sexual" do bico, pero defende que debe ser sancionado cunha multa para "agresións de menor entidade"

Luis Rubiales durante o xuízo na Audiencia Nacional (EFE) Luis Rubiales durante o xuízo na Audiencia Nacional (EFE)
G24.gal 20/02/2025 13:25 Última actualización 20/02/2025 14:52

A Audiencia Nacional condenou o expresidente da Real Federación Española de Fútbol RFEF Luis Rubiales a 18 meses de multa, uns 10.800 euros, polo bico non consentido á futbolista Jennifer Hermoso, absolvéndoo das posteriores coaccións para que lle restase importancia.

O maxistrado José Manuel Fernández-Prieto prohibe a Rubiales achegarse a Hermoso nun radio de 200 metros e comunicarse con ela durante un ano. Cabe lembrar que a Fiscalía solicitou que se lle impuxese unha pena de 2 anos e 6 meses de cárcere polos delitos de agresión sexual e coaccións.

Ademais, acordou absolver o exdirector da Selección española Albert Luque, o exseleccionador feminino Jorge Vilda e o exresponsable de Márketing da Federación Rubén Rivera, para os que o Ministerio Público pedía unha condena de 1 ano e 6 meses de cárcere por un delito de coaccións.

Fontes fiscais precisaron que será cando estuden a sentenza íntegra, que se coñecerá proximamente, cando o Ministerio Público decida se recorre ante a Sala do Penal o fallo.

O xuíz dá "plena credibilidade" a Jenni Hermoso e alude á "connotación sexual" do bico 

O xuíz José Manuel Fernández-Prieto deu "plena credibilidade" a Jenni Hermoso ao concluír que o bico que lle deu Luis Rubiales tras a final do Mundial de 2023 foi sorpresivo e sen consentimento, e aludiu á "connotación sexual" desta actuación, pola que foi condenado por agresión sexual.

A decisión do Xulgado Central do Penal da Audiencia Nacional baséase en que, aínda que a agresión sexual sempre é "reprochable", neste caso encádrase nas de "menor intensidade" ao non mediar violencia nin intimidación, nin ter "a vítima anulada a súa vontade".

O xuíz rexeitou a versión que deu Rubiales sobre o bico e deu "plena credibilidade" á xogadora, pois non consta razón ou motivo de que mentise ou quixese prexudicar ao expresidente federativo.

Afirma a sentenza que dar un bico na boca a unha muller ten "unha clara connotación sexual e non é a forma normal de saudar". Jenni Hermoso deixou claro que ela non saúda así, pero é que Rubiales, "cos seus propios actos", tamén revelou que el non adoita dar bicos na boca para saudar, di o xuíz.

Porque durante a entrega de medallas, só Jenni Hermoso recibiu un bico nos beizos; ao resto abrazounas e bicounas nas fazulas, apunta o maxistrado, que non cre que ese "cambio de trato" se debera a que a xogadora fallou un penalti na final do Mundial, pois iso foi "unha mera anécdota" do "éxito deportivo" conseguido.

O xuíz sinala que Jenni foi "concluínte" ao afirmar que non consentiu o bico. O seu "desgusto" -expresado ás súas compañeiras de vestiario aquela noite- quedou "plasmado" no xuízo a través dunha "contundente proba de cargo" que non se viu desvirtuada polo informe pericial presentado por Rubiales.

O maxistrado ve "insuficiente" a proba de lectura de beizos coa que Rubiales tratou de acreditar que preguntou a Jenni Hermoso se podía darlle "un biquiño", e non lle xera "dúbida algunha" sobre a existencia do "pretendido consentimento" que aduciu o expresidente federativo.

Descoñécese a orixe do vídeo que analizaron os peritos, non se acredita "nada" en relación ao consentimento de Jenni Hermoso, que estaba ás costas á cámara; Rubiales caeu na "contradición" de dicir primeiro que preguntou por un "piquito" e despois por un "biquiño"; e, en calquera caso, aínda que a xogadora lle dese o seu consentimento, "non se explica" por que lle deu o bico na boca.

Fronte ás dúbidas plasmadas polas defensas, o xuíz é claro ao afirmar que a ausencia de consentimento acreditada "non se ve embazada" pola alegría que mostrou Jenni Hermoso nos momentos posteriores ao bico, debido ao "éxito deportivo conseguido que quere celebrar custe o que custe". E neste punto lembra que "a agresión sexual" que sufriu "ten a intensidade que ten e carece de virtualidade para anular" esa alegría.

En contra do que defenderon a Fiscalía e as acusacións, o xuíz conclúe que Rubiales non se prevaleceu da súa condición "nin dunha relación de superioridade con respecto á vítima, para a súa comisión".

Para o xuíz, o bico foi "un acto reprochable" de Rubiales "dentro da euforia" dun "éxito sen precedentes no fútbol feminino", que debe ser sancionado cunha multa, prevista polo lexislador para "agresións de menor entidade" que, se non é de aplicación a este caso, "dificilmente seríao nunca e revelaríase como unha disposición superflua".

O xuíz non ve delito de coaccións porque non houbo violencia nin intimidación

O xuíz absolveu a Luis Rubiales, a Jorge Vilda e aos dous ex altos cargos da Federación de Fútbol do delito de coaccións a Jenni Hermoso ao considerar que non houbo nin violencia nin intimidación sobre a futbolista.

O maxistrado recalca que dá "plena credibilidade" ao testemuño da futbolista, pero ela non describiu no xuízo "ningún acto de violencia nin de intimidación realizado por ningún dos acusados nin por terceiros".

Lembra respecto diso que a xurisprudencia do Tribunal Supremo establece que, para condenar por ese delito, debe existir violencia ou intimidación directamente dirixida a obrigar a outra persoa para facer o que non quere ou a non facer aquilo que desexa facer.

E insiste que neste caso "basta con ler os escritos de acusación para comprobar que neles non se describe ningún acto de violencia nin de intimidación sobre a persoa de Jenni Hermoso e non pode obviarse que o dereito de defensa esixe que os feitos constitutivos do tipo penal estean claramente descritos nos escritos de conclusións provisionais das acusacións".

Nos feitos descritos por Hermoso e polas testemuñas, tanto no vestiario, como no autobús, no avión de volta a España, na escala que fixo o avión en Doha ou na posterior viaxe a Eivissa xunto ás demais campioas do mundo non aprecia o xuíz que os acusados cometesen "ningún acto de violencia nin de intimidación sobre Jennifer Hermoso Fuentes", polo que lles absolve. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade