Parentes de terceiro grao non tributarán por herdanzas inferiores aos 25.000 euros
Parentes de terceiro grao non tributarán por herdanzas inferiores aos 25.000 euros
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, recordou que no caso das herdanzas de familiares directos o 99,9 % dos galegos xa non tributa
O Goberno galego iniciou este luns a tramitación da bonificación do Imposto de Sucesións para os "colaterais", familiares que herdan de irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados e xenros e noras, e que non pagarán nada por este imposto ata as herdanzas de 25.000 euros.
Así o sinalaron esta mañá o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, que tras o Consello explicaron que desta rebaixa fiscal poderanse beneficiar arredor de 9.600 persoas ao ano.
O presidente galego sinalou que esta é unha das primeiras rebaixas fiscais que o seu Executivo quere facer nesta lexislatura, aínda que coa “intención de seguir avanzando” en deducións fiscais, e que era unha das medidas comprometidas para os primeiros 100 días de goberno.
O obxectivo da Xunta é traballar para conseguir introducir esta dedución xa nos orzamentos do ano 2025 que deberán estar elaborados “á volta do verán”.
Corgos lembrou que, de forma efectiva, o 99,9 % dos galegos non tributa polas herdanzas recibidas de familiares directos.
A nova medida, explicou o conselleiro, actúa sobre a base impoñible e unifica a redución para todos os parentes colaterais (ata o de agora diferenciada). Ao aumentarse ata os 25.000 euros, apuntou, increméntase o límite nun 50 % para irmáns e para o resto de parentes, "máis dun 200 %".
Ata o de agora as deducións fiscais neste imposto aplicábanse, en irmáns ata os 16.000 euros, e no caso de tíos, sobriños e sogros ata os 8.000 euros, mentres que con esta modificación igualarase a consideración de todo este tipo de familiares colaterais.
"As herdanzas de ata 25.000 euros non pagarán nin un euro por impostos", aseverou Corgos, que destacou que isto converte a Galicia na comunidade "máis competitiva" neste ámbito e, a partir de 25.000 euros, "na cuarta máis competitiva".
Axudas para a rehabilitación e construción para alugueiro social
O presidente da Xunta tamén anunciou, tras a reunión do seu consello de Goberno, novas axudas para que promotores públicos e privados rehabiliten ou constrúan vivendas para dedicar a alugueiro social.
A Xunta vai destinar case 15 millóns de euros para incentivar a construción de 350 pisos. As axudas serán de ata 50 mil euros por vivenda protexida e de ata 40 mil euros para pisos nos chamados edificios de cohousing ou interxeracionais.