O testamento, un trámite sinxelo e barato que aforra tempo, cartos e problemas nas herdanzas
En Galicia rexístranse uns 50.000 testamentos ao ano, contra unhas 9.000 declaracións de herdeiros sen testamento ou 'abintestato'
En Galicia rexístranse cousa de 50.000 testamentos ao ano. É un trámite duns 50 euros, contra os arredor de 200 que custaría facer unha declaración de herdeiros se morres sen testar.
"A declaración de herdeiros é un trámite máis custoso", explica o avogado Manuel González. Require achegar certificados de nacemento "e outros que leva tempo conseguir" -di-, e despois "habería que agardar un mes e pico" porque a declaración ten que estar exposta un mínimo de 22 días hábiles".
E, sen testamento, todo quedaría para dividir a partes iguais, así que terían que poñerse de acordo coas partillas os herdeiros. Co testamento feito, agás o 25 por cento da lexítima se temos fillos, podemos repartir libremente tres cuartas partes da herdanza.
"Podemos querer beneficiar un dos fillos porque nos atendeu máis ou, se estamos casados sen fillos, deixarlle unha propiedade o cónxuxe", explica o asesor José Manuel García. "Temos que saber que o cónxuxe será usufrutuario, pero os herdeiros serán os ascendentes, así que ao mellor temos un problema", engade.
Así que recomendan anticiparse aos problemas e deixar constancia de como queremos que sexa a repartición. Serviría incluso un manuscrito, pero é máis seguro facelo ante notario. E pode cambiarse o testamento tantas veces como cambien as vontades: o derradeiro será o único válido.