Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia rebaixa ao 3 % o imposto para a venda de vehículos usados e ao 0 % para os de emisións cero

Galicia rebaixa ao 3 % o imposto para a venda de vehículos usados e ao 0 % para os de emisións cero

“Galicia convértese na comunidade autónoma co imposto máis baixo en transmisión de vehículos”, dixo o presidente da Xunta

O presidente da Xunta, no consesionario Rodosa en Nigrán (Xunta de Galicia)
G24.gal 03/10/2023 12:26

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou este martes en Nigrán unha rebaixa no imposto de transmisión de vehículos usados do 8 % ao 3 % a partir do próximo 1 de xaneiro, que caerá ata o 0 % no caso dos vehículos eléctricos e híbridos enchufables.

“Galicia convértese na comunidade autónoma co imposto máis baixo en transmisión de vehículos”, dixo Rueda durante unha visita ao concesionario Rodosa, onde estivo acompañado do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.

Aínda que se contemplan unha serie de excepcións para algúns vehículos cunha idade determinada, “falamos de polo menos 60.000 transaccións” as que se verán beneficiadas cada ano con esta rebaixa fiscal, dixo o presidente.

“Merece a pena deixar de facer esa recadación e poñelo como un estímulo máis para que a xente se anime a comprar un vehículo de segunda man”, engadiu Rueda, quen afirmou que con esta medida fiscal se pretende estimular ao sector da automoción, ademais de axudar aos galegos, que nesta lexislatura, grazas a todas as medidas fiscais aplicadas polo seu Goberno, aforráronse entre mil e 1.200 millóns de euros.

Concretamente, Rueda referiuse ás rebaixas no tramo galego do IRPF, con catro no últimos catro anos que supuxeron un aforro de 500 euros de media a cada galego, á supresión do imposto de sucesións e doazóns ou á equiparación das familias de dous fillos ás familias numerosas tradicionais.

“As baixadas de impostos hai que facelas con sentidiño, sempre supoñen unha diminución na recadación e por tanto deben ter un impacto positivo na vida da xente”, dixo Rueda, que cualificou de “boa medida” a rebaixa impositiva na venda de vehículos de segunda man anunciada hoxe.

“Non é a solución definitiva de nada, pero si creo que é un bo estímulo que anima a xente a facer este tipo de operacións e estou seguro de que o sector o apreciará como unha medida máis dun Goberno responsable”, concluíu o presidente. 

Así as cousas, a partir de 2024 o tributo pasará do 8% actual, o máis alto de España, ao 3%, o máis baixo do país, unha fiscalidade que será máis vantaxosa cando a transmisión sexa dun vehículo eléctrico con etiqueta cero emisións, ao estar exentos do pago. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos