Rueda centrará o discurso de investidura en "familia, traballo e futuro"
Rueda centrará o discurso de investidura en "familia, traballo e futuro"
O candidato á presidencia da Xunta ultima o discurso que pronuncirá este martes no Parlamento, no que quere marcar un estilo propio para "mellorar" o legado de Feijóo
A oposición votará en contra porque consideran que "Rueda é máis do mesmo"
O PPdeG salienta que Rueda dará "continuidade" a unha "etapa de éxitos con estilo propio"
O vicepresidente da Xunta en funcións e candidato á presidencia, Alfonso Rueda, centrará as súas propostas do discurso de investidura no que considera que son as grandes prioridades dos galegos: "Familia, emprego e futuro". Todo iso, guiado por unha "evolución tranquila".
Será unha intervención no pleno de investidura, que se iniciará este martes ás 9:30 da mañá no Parlamento galego, á que imprimirá o seu "estilo propio" e na que, segundo fontes próximas, fará balance dos 13 anos do "proxecto colectivo" encabezado por Alberto Núñez Feijóo, do que tomará a remuda.
Así que será un discurso en que subliñará o "espírito de continuidade" para Galicia, co obxectivo de manter os acertos, á vez que sinalará que agora comeza unha "nova etapa" para perfeccionar o que se poida facer mellor, polo que debullará os principais retos e formulará propostas para afrontalos con éxito.
Entre as propostas estarán as de establecer máis apoios para mellorar a calidade de vida dos galegos "desde o berce ata o bastón", algo que xa expuxera Núñez Feijóo, e máis innovación e captación de investimentos para xerar postos de traballo de calidade.
Tamén un maior impulso para trazar as liñas mestras da Galicia do futuro, a través do que denomina unha "evolución tranquila" que reforce a posición da comunidade galega no mundo.
No seu discurso, ten previsto facer un chamamento á mocidade e asegurar que a Xunta traballará para paliar as principais preocupacións dos mozos, como empregos dignos, formación de primeiro nivel e vivenda accesible, para brindarlles novas oportunidades.
No plano político, o candidato para presidir a Xunta apostará por blindar e ampliar a "normalidade excepcional" con que conta Galicia, cunha maioría parlamentaria sen equivalente en España e que, segundo lembrará, foi referendada hai menos de dous anos nas últimas eleccións autonómicas.
Unha normalidade e continuidade que cre que é o que preservou a comunidade ao longo das catro décadas de andaina autonómica das rupturas que caracterizaron outros territorios.
Ademais, referirase ao papel que debe ocupar Galicia en España e en Europa e mostrará a súa disposición para manter a lealdade institucional co Estado, entendida como "arroupar" o Goberno na defensa dos intereses de todos, pero ao mesmo tempo indicar as cousas que deben facerse mellor.
De feito, vai repasar as principais materias que o actual Goberno central ten no seu "debe" cos galegos
A oposición, tanto o BNG como o PSdeG, confirmou que votará en contra do candidato, porque suspende as políticas de Feijóo durante os últimos trece anos, en que Rueda foi peza fundamental do seu goberno.
"Rueda é máis do mesmo, é corresponsable das políticas de Feijóo", asegurou Luís Álvarez. Lembrou: "Rueda estivo en todas as tomas de decisión e o PSdeG ten serias dúbidas de que vaia ser unha versión mellorada de Feijóo".
"O PP é o partido do non á defensa de Galicia e representa pasado, o BNG é o futuro", sostivo Ana Pontón. Por iso, a intervención da líder nacionalista estará orientada a deixar claro que a súa formación aspira a “liderar” a alternativa ao PP galego na Xunta “con traballo, humildade e ambición”.
Xusto a lectura contraria é a que fai o PPdeG. O seu voceiro parlamentario Pedro Puy augura que Rueda pronunciará un discurso de investidura como presidente da Xunta que terá "o seu propio estilo", pero dará "continuidade" á "etapa de éxitos" do seu predecesor Alberto Núñez Feijóo tras 13 anos no cargo con catro maiorías absolutas consecutivas.