A Xunta aproba os presupostos "máis altos da historia", de 13.954 millóns
A Xunta aproba os presupostos "máis altos da historia", de 13.954 millóns
10.257 millóns destínanse á sanidade, educación e políticas sociais e de emprego, e triplícanse os fondos para a vivenda
As contas públicas do ano que vén, aprobadas este xoves polo Consello, contemplan unha previsión de crecemento para 2025 do 2,1 % e unha baixada do paro ata o 9,1 %
Os orzamentos incluirán bonificacións de ata un 75 % para adquirir, construír e rehabilitar vivenda destinada ao alugueiro, e a aplicación de tipos reducidos para a compra de locais comerciais destinados a vivenda
O Consello da Xunta aprobou esta mañá os presupostos da Xunta para o ano que vén que ascenden a 13.954 millóns de euros. Son 354 millóns máis que os do actual exercicio, un 2,6 %.
O presidente, Alfonso Rueda, salienta que estamos ante os orzamentos "máis altos da historia", unhas contas "conservadoras e realistas", confeccionadas cando "aínda non hai marcada unha senda de estabilidade a nivel estatal".
Segundo Rueda, Galicia vai aprobar os seus orzamentos "en tempo e forma" e cun "endebedamento cero". Os presupostos da Xunta do ano que vén entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2025.
Novas bonificacións e máis fondos para a vivenda pública
O presidente da Xunta salienta que os orzamentos da Xunta de 2025 son os do "crecemento económico e os da creación de emprego". Contemplan unha mellora das previsións de crecemento para o ano que vén, que se eleva do 1,8 % ao 2,1 %, e calculan que o paro se situará arredor do 9,1 %.
Na comparecencia ante os medios logo deste Consello da Xunta extraordinario, Rueda sinalou que o gasto social supera por primeira ve a barreira dos 10.000 millóns de euros.
As contas públicas do Goberno galego contemplan máis apoio para os Concellos, que contarán con 641 millóns de euros -30 millóns máis que os deste ano- e multiplican por tres os fondos para a construción de vivenda pública e a adquisición de solo residencial. Tamén se reducen os impostos para a adquisición, alugueiro e cesión de vivendas a familiares.
Así, redúcese a partir do 1 de xaneiro o imposto de sucesións para parentes colaterais, introdúcense novas bonificacións na Lei de acompañamento para a compra de baixos que se destinen a vivenda e tamén para promotores de novos inmobles que queiran enriquecer o mercado do alugueiro.
Segundo explicou Alfonso Rueda, "agardamos que sexan uns orzamentos para maior benestar, maior prosperidade e para sentar as bases máis sólidas de cara ao futuro".
Tres de cada catro euros do orzamento irán para gasto social
Tras Rueda tomou a palabra o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, que lamentou que a Xunta teña que "lidar con estimacións" para confeccionar os seus orzamentos por segundo ano consecutivo, ao non ter presupostos en España.
Corgos indicou que as contas públicas do Goberno galego para o ano que vén foron elaboradas tras actualizar o cadro macroeconómico, que contempla un crecemento para o ano que vén do 2,1 % e unha redución da taxa de paro ata o 9,1 %. Son, segundo dixo, "cinco anos encadeados de crecemento económico e de baixada do paro" e cunha cifra "histórica" de afiliados á Seguridade Social.
Por primeira vez superaranse os 10.000 millóns de euros en gasto social. Estas partidas increméntanse en 500 millóns con respecto aos orzamentos deste ano, ata os 10.257 millóns de euros. Segundo explicou, isto significa que "tres de cada catro euros de orzamento irán para a sanidade, educación e políticas sociais e de emprego".
A Xunta bonificará a compra, construción e rehabilitación de vivendas destinadas o alugueiro
A Xunta bonificará a compra, construción e rehabilitación de edificios de vivendas destinadas ao alugueiro, con medidas que aplicará ao imposto sobre transmisións patrimoniais e ao de actos xurídicos documentados.
Ademais, dota con 2 millóns de euros "iniciais" o bono para favorecer a emancipación de mozos e mozas que anunciou o presidente galego, Alfonso Rueda, no Parlamento.
Especificouno a preguntas dos xornalistas durante a conferencia de prensa posterior ao Consello extraordinario que deu luz verde ao proxecto de orzamentos da comunidade para 2025 e tamén á coñecida como lei de acompañamento dos orzamentos.
O conselleiro de Facenda explicaba as bonificacións contempladas nos orzamentos en materia de vivenda.
Segundo indicou o conselleiro de Facenda, "somos un Goberno fiable que elabora uns presupostos fiables" e que consegue facer realidade o que el denomina como "estilo Galicia nas finanzas": é dicir, "baixar impostos sen endebedarse".
Segundo Corgos, no ano 25 Galicia cumprirá de novo coas regras fiscais e conseguirá "equilibrar contas sen facer axustes e sen afectar as políticas de gasto e investimento"; e seguir afondando na "rebaixa fiscal mantendo ao mesmo tempo uns servizos públicos sostibles e introducindo bonificacións fiscais novas", o que fai da nosa comunidade, segundo dixo, "un territorio competitivo en fiscalidade".