Rueda di que os cambios na Xunta tras a saída de Conde serán rápidos
Rueda di que os cambios na Xunta tras a saída de Conde serán rápidos
O presidente da Xunta aínda non pensou en quen será o seu substituto e di que ningún outro conselleiro amosou o seu interese en marchar de Galicia
Pontón: "Temos un presidente débil, cando vemos que Feijóo lle remodela o Goberno dende Madrid"
Álvarez di que Rueda está instalado baixo "a sombra alongada de Feijóo"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou este martes que os cambios no Executivo galego serán "rápidos", aínda que polo momento só está confirmada a saída do vicepresidente primeiro, Francisco Conde, como candidato do PP ao Congreso por Lugo, xa que ningún outro compañeiro manifestoulle o seu interese por irse de Galicia.
"A min ninguén me manifestou a súa disposición ou desexo de marchar. Están todos moi contentos e eu con eles", dixo Rueda, que engadiu que todos os conselleiros son partidarios de ofrecer "colaboración" ao presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, á hora "de formar equipos", dixo o presidente galego en declaracións aos medios de comunicación antes de participar nun acto na Cidade da Cultura.
O xefe do Executivo autonómico salientou que "a diferenza" do que sucede noutras formacións nas que hai "pelexas" pola configuración das listas "aquí estamos todos a dispocición do partido". Sostivo que os conselleiros do seu gabinete están afeitos traballar " en equipo" e ese equipo "está ao dsiposición de quen foi antes presidente da Xunta e agora vai ser presidente de España", afirmou.
A pesar diso, reiterou que leva un ano na presidencia da Xunta e está "moi contento con todos eles", aínda que entende que se se lles require para outras encomendas o acepten.
Así as cousas, Alfonso Rueda non desvelou cando fará a remodelación do Goberno galego aínda que insistiu en que hai uns "prazos legais", xa que as candidaturas deben rexistrarse entre o 14 e o 19 de xuño, e os membros do Goberno galego son inelixibles segundo o Réxime Electoral Xeral polo que os aspirantes para formar parte do Congreso deberán cesar no seu cargos antes do próximo luns.
Aínda coa présa para a remodelación, o presidente da Xunta dixo que aínda non pensou no "recambio" para o que ata o de agora foi o seu vicepresidente primeiro e responsable de Economía. "A verdade que non pensei no recambio pero o Goberno non se pode parar e tentaremos facelo máis rápido posible", expuxo.
O titular da Xunta volveuse a manifestar sobre a elección de Conde como cabeza de lista en Lugo e dixo que esta designación é "un recoñecemento" ao seu traballo na Xunta por parte de "quen aspira e espera ser presidente de España". Elixir a Conde demostra que Núñez Feijóo pensa que "quen facía as cousas ben en Galicia pódeas facer en España".
Ademais, remarcou que "esta designación inicial pode ter un gran percorrido, que pode ser moi beneficioso para Galicia", en alusión a hipotéticos cargos gobernamentais no futuro.
Pontón: "Temos un presidente débil, cando vemos que Feijóo lle remodela o Goberno"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que a remodelación prevista na Xunta, pola marcha do vicepresidente primeiro, Francisco Conde, como candidato por Lugo o 23X, mostra a "incapacidade" do presidente galego, Alfonso Rueda, para dirixir ao seu partido "e mesmo para ter o pulso do seu Goberno".
Pontón, que pasou esta mañá polo programa Bos Días da TVG, recriminou que esta non é unha remodelación pensada en base ás necesidades de futuro de Galicia, senón "claramente determinada polo que decide o PP" desde a súa sede central, na rúa Génova de Madrid.
"Vemos, por tanto, a un presidente sen peso político, sen capacidade para poder marcar o ritmo do seu partido, que esta subordinando os intereses de Galicia aos intereses do PP", lamentou líder nacionalista nunha comparecencia posterior no Parlamento.
Así que concluíu que se "non é capaz" de dirixir o seu propio partido, "moito menos pode dirixir ben o rumbo dos galegos e galegas".
O PSdeG fala de "irrelevancia" de Rueda "á sombra" de Feijóo
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, cre que a marcha do vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, mostra a "irrelevancia" do presidente galego, Alfonso Rueda, que está "instalado á sombra alongada" do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo.
En declaracións no Parlamento, remarcou que Rueda non tivo "ningunha capacidade" para elixir o seu propio Goberno cando tomou a substitución de Núñez Feijóo en maio do ano pasado, xa que "herdou" todos os conselleiros e conselleiras, e agora tamén fai unha remodelación "imposta" polo expresidente galego.
Ademais, criticou as políticas de Conde á fronte da Consellería de Economía e Industria, polo que advirte que se vai ser o modelo que aplique Núñez Feijóo "pouco cabe esperar das bonanzas que vén anunciando", que cre que non van coincidir coas súas políticas.
Álvarez asegurou que Conde é "responsable" da perda de máis de 40.000 postos de traballo pola súa política no ámbito industrial e do "austericidio" que supuxeron as medidas da Xunta tras a crise de 2008, á parte de que "se puxo de perfil" ante todos os problemas de Galicia, como a crise de Alcoa.