Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda erixe o selo Galicia Calidade como elemento clave para a imaxe internacional da comunidade

Rueda erixe o selo Galicia Calidade como elemento clave para a imaxe internacional da comunidade

O informe anual revela que na actualidade hai 880 artigos e servizos que usan a marca Galicia Calidade, o que supón seis veces máis que no 2010

G24.gal 17/12/2024 21:47

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este martes que o selo Galicia Calidade, ao que están adheridas 174 empresas, é unha marca clave na proxección da imaxe internacional da comunidade e que contribúe a dinamizar a economía galega e a xerar emprego.

Durante a presentación do Informe económico de Galicia Calidade 2024, acompañado da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, Rueda destacou que esta acreditación é "un dos mellores embaixadores de Galicia no mundo" e simboliza a excelencia coa que se traballa nesta terra. Ademais resaltou que non deixa de crecer o número de produtos con este certificado.

O presidente galego destacou que o distintivo representa a esencia do que é Galicia, apostando pola innovación pero sen esquecer as raíces, e constituíndose como "un motor" para a economía, xa que "contribúe a xerar riqueza, emprego de calidade e novas oportunidades".

O informe anual revela que na actualidade hai 880 artigos e servizos que usan a marca Galicia Calidade, o que supón seis veces máis ca no 2010, cando eran 123 os produtos autorizados con este selo. No caso das empresas, o 24,6% das firmas certificadas pertencen ao sector da hostalería; outro 23,4% ao da alimentación; o 14,4% son empresas vinculadas ao mundo do viño; o 7,8% ao de xestión de actividades náuticas e outro tanto ao do campo industrial e un 7,2% ao sector lácteo.

Os datos indican que o conxunto de entidades certificadas por Galicia Calidade alcanzaron unha facturación de 6.448 millóns de euros no 2023, o que representa o 9,1% do PIB, e xeraron máis de 13.000 postos de traballo na comunidade.

O 93% das empresas que forman parte deste certificado asegura que está 'bastante' ou 'moi satisfeita' co labor que organiza este organismo e preto do 98 % di que o selo lles axuda 'moito' ou 'bastante' na comercialización dos seus produtos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade