Rueda pide por carta a Sánchez unha reunión para tratar "asuntos estratéxicos" para Galicia
Rueda pide por carta a Sánchez unha reunión para tratar "asuntos estratéxicos" para Galicia
O presidente galego apela á "colaboración e á lealdade institucional" para celebrar unha xuntanza o "máis axiña posible"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda envíalle unha carta a Pedro Sánchez en que lle pide unha reunión canto antes para tratar asuntos estratéxicos para Galicia.
Rueda xa anunciara este venres que solicitara esa xuntanza pero con esta carta fai oficial a súa petición. Nela subliña a necesidade de colaboración e entendemento mutuo en asuntos clave, "que redundará no beneficio común de Galicia e de España".
Na misiva con data do 10 de maio de 2024, Rueda explica a Sánchez que quixo que o seu primeiro encontro institucional fose co rei Filipe VI, polo que agora require unha reunión co presidente do Goberno, a quen lle traslada a necesidade de "un espírito de colaboración e entendemento mutuo" en asuntos clave, "que redundará no beneficio común de Galicia e de España".
"Quero trasladarche que os principios de cordialidade, colaboración e lealdade institucional, unidos á irrenunciable defensa dos intereses de Galicia, seguirán guiando a acción do Goberno galego nesta nova lexislatura", sostén Alfonso Rueda.
"Unha Galicia que progresa, en concordia co resto de España, tamén contribúe á convivencia pacífica e á prosperidade do noso país", agrega. Por iso, espera esta reunión para "avanzar nunha solución beneficiosa para os intereses" dos cidadáns.
Finalmente, a misiva termina cunha parte manuscrita a bolígrafo polo propio Rueda en que se pode ler: "Con toda a miña consideración e na seguridade de que poderemos lograr avances xuntos".