Rueda pídelle ao Goberno que esixa responsabilidades polos danos da vertedura
Rueda pídelle ao Goberno que esixa responsabilidades polos danos da vertedura
Solicitoulle por carta que inicie o proceso de reclamación á armadora "o máis axiña posible"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Executivo autonómico solicitou ao Goberno central que inicie o proceso para esixir responsabilidades por danos ambientais no dominio público marítimo-terrestre a quen corresponda pola vertedura de pellets que afecta as costas galegas.
“Onte mesmo dirixímonos ao Goberno central para que lle esixa responsabilidades a quen causou todo o que pasou”, dixo na localidade de Ribadeo, segundo informa o Executivo autonómico nun comunicado.
Explicou que a Xunta fixo esta solicitude por escrito ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico en base á Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental en calidade de parte interesada.
Rueda lembrou que o Goberno estatal ten as competencias para actuar fronte a un episodio de contaminación mariña e, polo tanto, debe avaliar os posibles danos ambientais da vertedura e a responsabilidade dos custos que agora mesmo están a sufragar as administracións.
Tras asegurar que o Goberno galego"como parte implicada, como parte que está a poñer medios" para deixar as praias libres de pellets e doutros plásticos, subliñou que é o momento de esixir responsabilidades "o máis axiña posible".
Defensa dos produtos do mar
Nunha visita a unha das foodtruck da campaña da Xunta "Galicia sabe amar", Rueda tamén enxalzou e defendeu a excelencia dos produtos do mar galegos e lamentou as "loiadas" que se verteron nos últimos días sobre a súa calidade.
“Danouse unha imaxe que era impecable e que o ten que seguir sendo, e, polo tanto, hoxe estamos aquí para reiterar que Galicia sabe a mar, que ten uns produtos pesqueiros de primeirísima calidade e que o seguen sendo sen ningunha dúbida”, asegurou.