Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda sinala que é fundamental "ter orzamentos" para aumentar o solo industrial en Galicia

Rueda sinala que é fundamental "ter orzamentos" para aumentar o solo industrial en Galicia

O presidente quere dar servizo a "empresas que non necesitan tanta superficie pero si queren estar aquí"

G24.gal 15/03/2024 16:14

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou este venres que as obras para a urbanización dunha parcela do polígono de Morás, en Arteixo, concluirán en decembro.

Rueda fixo o anuncio na súa visita a estas obras este venres xunto coa vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ánxeles Vázquez.

Arteixo é "unha referencia" en industria, dixo Rueda, preto do polígono onde a cervexeira Estrela Galicia está a levantar a súa nova fábrica. "Xa hai dúas fases executadas" e agora toca a urbanización desta terceira parcela, mentres que a cuarta está "en proxecto".

O presidente en funcións expuxo que a intención do Goberno galego é "adaptarse á realidade" e dar servizo a "empresas que non necesitan tanta superficie pero si queren estar aquí" con "terreos adaptados" ás súas necesidades.

"É unha magnífica noticia que haxa que facer chan industrial porque o emprego industrial é fundamental", comentou Rueda, que anunciou que estas obras de urbanización, cun orzamento de catro millóns de euros, concluirán "en decembro".

Para adaptarse ao "ritmo de crecemento das empresas", Rueda apuntou que é necesario "facilitar con prezo bonificacións e axilidade" o acceso a este tipo de terreos, aínda que avisou que se hai que habilitar chan industrial débese facer "con sentidiño" e tendo en conta as demandas das empresas.

O obxectivo da Xunta, dixo, é "acabar esta lexislatura con oito millóns de metros cadrados de chan industrial" en Galicia e para logralo é fundamental "ter orzamentos".

O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, analizou que o crecemento do polígono de Morás é moi importante "pola creación de emprego", a "construción de infraestruturas" e tamén "a implantación de empresas", o que, defendeu, beneficia o seu concello. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade