Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda viaxa a Panamá, a México e á Arxentina para reforzar lazos económicos e institucionais

Rueda viaxa a Panamá, a México e á Arxentina para reforzar lazos económicos e institucionais

Rueda vai manter distintos encontros institucionais e empresariais e busca atraer investimento a Galicia

Ten previsto reunirse coas asociacións de galegos nos tres países para coñecer as súas actividades e inquedanzas

G24.gal 12/04/2023 18:53 Última actualización 12/04/2023 20:47

O presidente da Xunta Alfonso Rueda xa delegou formalmente a xestión dos asuntos de Presidencia no número dous do Goberno autonómico, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía Francisco Conde. Así o publica o DOG con data do 11 de abril para dar a coñecer a substitución temporal pola viaxe do presidente a Panamá, Venezuela e México que busca atraer investimento a Galicia.

Rueda vai manter distintos encontros institucionais e empresariais. Na mañá do mércores participou por videoconferencia nun foro e acudiu á sesión de control da Cámara autonómica, para partir despois á súa viaxe. Estará primeiro en Panamá, para chegar a Venezuela o venres 14. O domingo 16 e o luns 17 permanecerá en México e o martes 18 estará de volta en Galicia.

Segunda viaxe ao continente americano

Esta será a segunda viaxe ao continente americano de Alfonso Rueda como titular do Goberno galego tras a visita á Arxentina e ao Uruguai o pasado mes de outubro. Un dos obxectivos é "estreitar lazos coa comunidade galega no exterior e crear un marco de progreso para as próximas xeracións".  

Na súa axenda figuran xuntanzas con autoridades, empresarios e investidores interesados nos proxectos económicos e industriais en que "traballa Galicia para afianzar as súas fortalezas botando man da súa situación estratéxica coma ponte entre América e Europa" e para construír novas "oportunidades que se presentan en sectores punteiros nos que Galicia ten moito que achegar ao continente americano".

Asociacións de galegos

Rueda ten previsto reunirse coas asociacións de galegos en Panamá, Venezuela e México para coñecer de primeira man as súas actividades e inquedanzas. O presidente da Xunta considera "de xustiza" ofrecerlles a oportunidade de volver a Galicia. Nese sentido quere informar ás diferentes xeracións de galegos en América Central e Suramérica sobre os programas habilitados pola administración autonómica para facilitar ese retorno a través da mellora na formación e o acceso ao emprego dos fillos e netos da emigración no marco da Estratexia Galicia Retorna 2023-26.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade