Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rusia advirte do risco real dunha terceira guerra mundial, ao tempo que recrúa a tensión na rexión prorrusa de Moldova

Rusia advirte do risco real dunha terceira guerra mundial, ao tempo que recrúa a tensión na rexión prorrusa de Moldova

O día que fai 36 anos do accidente de Chernóbil, fálase da posibilidade do uso de armamento nuclear

A rexión prorrusa de Transnistria denuncia tres atentandos en menos de 24 horas

G24.gal 26/04/2022 08:39 Última actualización 12:17

O Consello de Seguridade da autoproclamada república moldava de Transnistria, fronteiriza con Ucraína, denunciou hoxe un terceiro ataque no territorio do enclave separatista en menos de 24 horas contra unha unidade militar en Parcani, preto da capital da rexión separatista, Tráspol.

"Houbo tres ataques terroristas. Dispararon lanzagranadas contra o edificio do Ministerio de Seguridade do Estado, houbo dúas explosións no centro da radiotelevisión do pobo de Maiak e tamén atacaron unha unidade militar en Parcani", dixo o servizo de prensa do presidente da rexión separatista, Vadim Krasnoselski, na súa canle de Telegram. 

As explosións no centro de radiotelevisión producíronse a primeira hora da mañá e non produciron vítimas. Segundo as autoridades de Transnistria, as antenas destruídas utilizábanse para retransmitir os sinais das radios rusas.

Este luns descoñecidos atacaron con lanzagranadas a sede do Ministerio de Seguridade do Estado de Transnistria. No atentado, perpetrado no centro de Tiráspol, lanzáronse polo menos tres proxectís, que ocasionaron danos materiais tanto na sede ministerial como nos edificios lindeiros, sen que se reportasen vítimas.

A Oficina do Goberno moldovo para a Reintegración expresou a súa preocupación polas explosións de onte, e dixo que a información dispoñible indica que o "obxectivo do incidente era crear pretextos para unha escalada da situación de seguridade na rexión de Transnistria, que non está controlada polas autoridades constitucionais". 

Transnistria, territorio de apenas medio millón de habitantes, na súa maioría eslavos, rompeu os lazos con Moldova tras un conflito armado (1992-1993) en que contou con axuda rusa. 

Desde o final daquela contenda, que lles custou a vida a centenares de persoas, Moldova avoga pola integración dos dous territorios divididos polo río Dniéster, ao que sempre se negaron os separatistas. 

En virtude do Acordo para a Solución Pacífica do conflito de Transnistria asinado en xullo de 1992, Rusia emprazou 2.400 efectivos para garantir a paz na zona, pero foi reducindo este continxente ao longo dos anos.

Continúa a ofensiva no Donbás, á espera da xuntanza entre Putin e Guterrres

Pouco queda de Novotoshkivka, unha localidade do oblast de Luhanks que xa fora duramente golpeada pola guerra no 2015. Os dous bandos acúsanse mutuamente da devastación da vila. Nesta rexión os ucraínos perderon o control da cidade de Kreminna, de 18.000 habitantes. A ofensiva en Donbás avanza lentamente. Dende O Reino Unido calculan que morreron nesta guerra 15.000 soldados rusos.

As tropas do Kremlin atacaron con mísiles de precisión cinco estacións ferroviarias no centro e no oeste de Ucraína, no que se interpreta como un intento de interromper os envíos de axuda de Occidente. 

O ministro de Exteriores ruso Sergei Lavrov dixo nunha entrevista televisada que esas remisións de armamento demostran que a OTAN está en esencia comprometida na guerra con Rusia. E advirte de que existe un risco considerable de que o conflito escale ata o uso de armas nucleares. Así, haberá que ver que se extrae do encontro de hoxe entre António Guterres, secretario xeral da ONU, con Vladimir Putin e o mesmo Lavrov. 

En Mariupol seguen nas mesmas. Rusia anunciou un alto o fogo para permitir a saída de civís de Azovstal, Ucraína reclama corredores humanitarios. Nos quilométricos búnkers da factoría continúan atrincheirados os últimos efectivos do exército ucraíno na cidade portuaria, que volveron divulgar imaxes dos civís que están con eles. O luns sufriron asaltos por terra e bombardeos, pero a situación seguiu igual.

Algo si cambiou en Khersón, semanas despois da ocupación da cidade, a casa do concello foi tomada pola forza. Rusia anunciou que fará un referendo o mércores para aprobar, di, a independencia dunha nova entidade chamada República Popular de Khersón. 

Os ataques foron intensos de novo en Izium en en Khárkiv, a segunda cidade máis poboada de Ucraína. En Kíiv houbo toque de recollida. Zelenski recoñece que non se sabe cando acabará esta guerra, pero asegura que a vitoria de Ucraína é inevitable. Mentres tanto, aínda escavan novas tumbas en Bucha. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade