Rusia declara en busca e captura a Zelenski
Rusia declara en busca e captura a Zelenski
Anteriormente Rusia xa emitira ordes de arresto contra altos cargos de Ucraína e outros países europeos
Rusia declarou este sábado en busca e captura ao presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski. O mandatario ucraíno foi incluído na lista do Ministerio do Interior de Rusia de persoas en busca e captura, segundo informou a axencia oficial rusa TASS.
Zelenski é buscado en relación cun delito contemplado no Código penal de Rusia, sen ofrecer máis detalles. O do presidente non é o primeiro caso, xa que as autoridades rusas xa emitiran ordes de arresto contra altos cargos de Ucraína con anterioridade.
En decembro do ano pasado o Ministerio do Interior de Rusia puxo en busca e captura ao xefe do Intelixencia Militar (GUR) de Ucraína, Kirilo Budánov, despois de que o Comité de Instrución ruso incoase un proceso penal contra el e outros tres militares ucraínos. No pasado abril, Budánov foi arrestado en ausencia pola Xustiza rusa acusado de terrorismo.
Ademais, anteriormente Rusia puxo en busca e captura a políticos de países da Unión Europea. O pasado 13 de febreiro Rusia anunciou esa medida contra a primeira ministra de Estonia, Kaja Kallas, así como contra varios funcionarios e deputados de Letonia e Lituania.
Segundo as autoridades rusas, a orde de busca e captura contra a xefa do Goberno estoniano e outros políticos bálticos foi adoptada pola destrución e danos causados aos monumentos de soldados soviéticos en Estonia.
Por outra banda, tamén pesa sobre o presidente ruso, Vladímir Putin, unha orde de captura da Corte Penal Internacional, que o considera responsable de crimes de guerra pola deportación ilegal de nenos de Ucraína.
Kíiv ve desesperación na orde de captura rusa sobre Zelenski
O Ministerio de Asuntos Exteriores de Ucraína respondeu este sábado nun comunicado: "as informacións rusas sobre a suposta inclusión do presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, na lista de persoas en busca e captura do Ministerio do Interior ruso demostran a desesperación da maquinaria estatal e propagandística rusa, que non sabe que máis inventar para chamar a atención".
"Gustaríanos lembrar a todo o mundo que, a diferenza dos inútiles anuncios rusos, a orde de detención da Corte Penal Internacional contra o ditador ruso, Vladímir Putin, por crimes de guerra é real e executable en 123 países", engade.