Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rusia denuncia un ataque masivo ucraíno con drons contra cinco das súas rexións

Rusia denuncia un ataque masivo ucraíno con drons contra cinco das súas rexións

As autoridades non informaron de vítimas, pero o gobernador de Bélgorod fala de catro civís mortos e outros 20 feridos 

É a resposta de Ucraína tras a chuvia de mísiles rusos que onte causou 38 mortos e 190 feridos por todo o país

En Kíiv os equipos de emerxencia buscan máis vítimas entre os cascallos do hospital pediátrico onde morreron 27 persoas e 70 quedaron feridas 

Imaxes que recollen as consecuencias do ataque perpetrado por Ucraína na rexión rusa de Bélgorod (de Valentin Demidov vía Telegram / Reuters) Imaxes que recollen as consecuencias do ataque perpetrado por Ucraína na rexión rusa de Bélgorod (de Valentin Demidov vía Telegram / Reuters)
G24.gal 09/07/2024 09:21 Última actualización 09/07/2024 10:14

Rusia denunciou este martes un ataque masivo ucraíno con drons contra cinco rexións do sur e o centro do país. Os sistemas de defensa antiaérea derrubaron onte á noite un total de 38 drons ucraínos nas rexións de Bélgorod (3), Kursk (7), Voronezh (2), Rostov (21) e Astrakan (5).

Ata o momento non se informou de vítimas, pero o gobernador da rexión de Bélgorod, entidade fronteiriza con Ucraína, denunciou na súa canle de Telegram que durante a xornada de onte catro civís morreron e outros 20 resultaron feridos polo lume da artillería ucraína.

Na rexión de Rostov un dron impactou nunha subestación eléctrica e provocou un incendio, que foi sufocado polos bombeiros.

En Astrakan o ataque aéreo provocou o incendio dunha depósito de combustible e o mesmo aconteceu en Volgogrado. Alí a caída de fragmentos de drons derrubados polas defensa antiaérea causaron incendios nunha subestación eléctrica e nun depósito de combustible.

Por motivos de seguridade, os aeroportos da cidades de Astrakan e Volgogrado restrinxiron as súas operacións.

O ataque ucraíno deste martes produciuse despois de que onte Rusia lanzase unha chuvia de mísiles sobre varias cidades do país causando preto de 40 mortos e máis dun cento de feridos.

Continúan os traballos de rescate no hospital infantil atacado por Rusia en Kíiv

Son xa 38 os mortos e 190 os feridos tras os bombardeos do exército ruso perpetrados este luns en Ucraína. Vinte e sete das vítimas mortais rexistráronse en Kíiv, tras o ataque contra un hospital infantil; delas, tres son nenos. Os outros dez morreron en Krivi Rig.

O ataque contra o hospital infantil deixou ademais 70 feridos, entre eles trece menores de idade. Alí, preto de 400 efectivos dos servizos de emerxencias ucraínos continúan traballando na procura de máis vítimas que poderían estar atrapadas entre os cascallos do centro hospitalario.

En Kíiv seguen os labores de rescate na procura de vítimas tras o ataque contra o hospital pediátrico (Reuters) En Kíiv seguen os labores de rescate na procura de vítimas tras o ataque contra o hospital pediátrico (Reuters)

"Nos lugares onde impactaron os mísiles, os traballos de emerxencias e rescate non pararon en toda a noite", escribiu o presidente de Ucraína nas súas redes sociais.

Volodimir Zelenski lamentou que moitos pacientes con cancro "quedaron sepultados baixo os entullos". Sinalou que preto dun centenar de instalacións foron danadas, ademais do hospital infantil, vivendas, garderías, un hospital materno, un colexio e un centro de negocios. 

Segundo informou, 64 dos feridos están hospitalizados en Kíiv e 28 foron internados en Krivi Rig, a cidade industrial de Dnipropetrosvsk en que morreron dez persoas.

O mandatario afirma que a súa administración continúa traballando "para reforzar a protección" das cidades ucraínas dos ataques rusos. "Haberá decisións. O mundo ten a forza necesaria para iso", agregou Zelenski, que chegará hoxe a Washington para participar no cumio da OTAN.

Ucraína espera obter desta cita novas decisións dos seus aliados que lle permitan defenderse mellor de ataques aéreos rusos coma o de onte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade