Rusia recupera toda a normalidade posible tras a rebelión militar
Rusia recupera toda a normalidade posible tras a rebelión militar
O líder dos mercenarios sublevados permanece en paradoiro descoñecido
Os aplausos cos que moitos rusos despediron en Rostov os mercenarios que se rebelaron contra Putin, permiten supoñer que nada será igual en Rusia despois desta intensa fin de semana.
Os soldados do grupo privado Wagner chegaron a estar a douscentos quilómetros de Moscova. A mediación do presidente belaruso permitiu evitar un enfrontamento sanguento coas tropas rusas e chechenas, que podería ser o primeiro capítulo dunha guerra civil.
O goberno ruso retira os cargos de traizón contra os rebeldes
Agora, cos militares dos dous bandos volvendo ás súas bases e co levantamento das restricións en Moscova e nas zonas ás que chegaron os rebeldes, quedan por coñecer os termos exactos do acordo que permitiu unha saída pacífica do conflito. Segundo admiten as dúas partes, Ievgueni Prizoghin, xefe dos sublevados e ata hai pouco amigo de Putin, aceptou exiliarse en Belarús, mentres que o Goberno ruso retira os cargos de traizón contra o líder rebelde e os seus soldados.
Os mercenarios sublevados esixían a destitución de dous mandos militares rusos
Os rebeldes tamén pedían a destitución dos dous principais mandos militares rusos, aos que acusan de falta de apoio na guerra contra Ucraína. O tempo dirá se Putin os destitúe ou non.
Descoñécese o paradoiro de Ievgueni Prizoghin, xefe dos militares sublevados
A outra dúbida é o paradoiro do líder rebelde. Prizoghin foi visto por última vez na noite do sábado ao domingo saíndo da cidade de Rostov. Voceiros das empresas de Prizoghin dixéronlle á CNN que o seu xefe falará cando teña as condicións axeitadas. As autoridades de Belarús aínda non confirmaron se o xefe dos rebeldes chegou ao país.