Ucraína asegura que as súas tropas loitarán ata o final en Mariupol
Mosvoca instou os combatentes ucraínos a renderse a cambio de preservar a vida
Zelenski advertiulle que se elimina os defensores da cidade, será a fin das negociacións
O primeiro ministro de Ucraína, Denys Shmyhal, asegurou este domingo que as tropas do seu país loitarán "ata o final" na asediada cidade de Mariupol. Deste xeito, descartou a capitulación esixida por Moscova.
"A cidade non caeu. Aínda están os nosos soldados e loitarán ata o final. Polo de agora seguen en Mariupol", afirmou Shmyhal nunha entrevista coa cadea estadounidense ABC.
Rusia afirma que ten o control de toda a área urbana de Mariupol. Asegura que só quedan 2.500 combatentes ucraínos sitiados nunha planta metalúrxica ao sur da cidade.
Segundo Moscova, Kíiv ordenou fusilar os que depoñan as armas, pero eles lanzáronlles un ultimato: que se rendan, como única posibilidade se queren salvar a vida. Zelenski subliñou que se aniquilan os defensores de Mariupol será a fin das negociacións.
Mariupol é o último obstáculo para que Rusia controle a costa, desde os territorios prorrusos do Donbás ata a península de Crimea. A ONU estima que hai máis de 100.000 civís ao bordo da fame negra nesta cidade, sitiada e baixo bombardeos constantes desde hai preto de mes e medio.
Ataques noutros puntos
Ao tempo que loita por Mariupol, Rusia prosegue os seus ataques noutros puntos. Este domingo volveron soar as alarmas antiaéreas en boa parte do país. Os rusos din que derrubaron un avión con armamento occidental preto de Odesa.
Tamén se informou da caída de mísiles na rexión de Kíiv. E en Khárkiv, as bombas rusas mataron nas últimas horas un civil e deixaron varios feridos, entre eles catro cooperantes da ONG do cociñeiro español José Andrés.
Ucraína advirte de que o exército ruso prepara un desembarco naval, mentres Rusia asegura que Zelenski usa as negociacións para gañar tempo e pedirlle axuda militar á OTAN.
Este domingo non se estableceron corredores humanitarios. As partes non se puxeron de acordo.