Rusia vota para reelixir a Putin nuns comicios sen oposición nin observadores internacionais
Rusia vota para reelixir a Putin nuns comicios sen oposición nin observadores internacionais
Sen candidatos rivais reais, ten garantido seguir na presidencia ata 2030
Alta participación e pequenas sabotaxes no primeiro dos tres días de votación
Vladimir Putin votou telematicamente desde o seu despacho. É un dos 112 millóns de rusos convocados a unhas eleccións presidenciais cun resultado nada incerto para el. Sen oposición e con tres candidatos alternativos afíns ao Kremlin e sen posibilidade ningunha, será reelixido para un quinto mandato de seis anos. As sondaxes danlle o 80 % dos sufraxios.
Nun país con 11 usos horarios os rusos das 89 rexións poderán votar durante tres días. Do primeiro destaca a elevada participación e algúns intentos de sabotaxe, como o dunha muller enchendo de tinta unha urna. Protestas simbólicas contra a guerra e a ausencia de candidatos opositores.
A oposición política pídelle a Occidente que non recoñeza o resultado duns comicios en que non poden participar e en que non hai nin observadores da OSCE nin do Consello de Europa.
Os que si poden votar por primeira vez nunhas presidenciais son os habitantes das rexións anexionadas por Rusia. Tamén os 600.000 soldados despregados en Ucraína. Porque as eleccións no frean a guerra. Un mísil ruso matou polo menos 20 persoas nunha zona residencial de Odesa. E o Kremlin acusou a Ucraína de intentar ensombrecer os comicios intensificando os ataques contra as rexións fronteirizas rusas de Bélgorod e Kursk.