Ryanair recortará un 61 % o tráfico en Vigo e un 28 % en Santiago para este verán
Ryanair recortará un 61 % o tráfico en Vigo e un 28 % en Santiago para este verán
Eliminará 12 roteiros e 800.000 asentos para a súa programación de 2025
Ryanair recortará este verán un 61 % o tráfico en Vigo e un 28 % en Santiago, tras a decisión de eliminar 12 rutas e 800.000 asentos para a súa programación de 2025, cesando operacións en dous aeroportos e reducíndoas noutros cinco, pola "falta de efectividade" dos plans de incentivos e as "excesivas taxas" aplicadas por Aena, ao que acusa de "monopolio".
Por iso, a empresa decidiu cesar as súas operacións en Xerez (Cádiz) e Valladolid, retirará un avión en Santiago de Compostela e reducirá o tráfico en Vigo (-61 %), Santiago (-28 %), Zaragoza (-20 %), Asturias (-11 %) e Santander (-5 %) no que consideran unha perda "completamente evitable".
O que critican dende a compañía é que as medidas de Aena sexan "ineficaces" e non apoien os obxectivos do Goberno de conseguir máis tráfico nos aeroportos rexionais de España, tal e como explicou o conselleiro delegado, Eddie Wilson.
Sinalou ademais que as "excesivas" taxas de Aena e a falta de incentivos "viables" están a prexudicar os aeroportos rexionais, limitando o seu crecemento e desaproveitando zonas de capacidade aeroportuaria.
"Estes aeroportos teñen infraestruturas e a seguridade necesarias, o que non teñen é a infraestrutura de prezos adecuada", engadiu na súa intervención.
En total, a compañía reducirá a súa capacidade un 18 % en España durante a próxima tempada estival porque considera que os aeroportos rexionais de Aena presentan unha competitivade menor aos seus equivalentes europeos e, por tanto, o tráfico ten que desprazarse a outros lugares como Suecia, Croacia, Hungría e Marrocos.
Isto é especialmente relevante, ademais, dadas as circunstancias que atravesa o mercado aeronáutico, con Airbus e Boeing atrasando entregas de avións por problemas na cadea de subministración e, no caso da segunda, por problemas internos.