Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sabotaxe masiva á rede ferroviaria francesa na xornada inaugural dos Xogos Olímpicos

Sabotaxe masiva á rede ferroviaria francesa na xornada inaugural dos Xogos Olímpicos

Hai 250.000 viaxeiros afectados só no día de hoxe, polo que piden non acudir ás estacións ferroviarias

Os ataques consistiron en incendios provocados de forma coordinada en condutos de cables de alimentación da sinalización e de comunicacións

París blinda a ribeira do Sena para unha cerimonia olímpica insólita

G24.gal 26/07/2024 10:16

Francia sufriu este venres un ataque organizado contra a rede de trens de alta velocidade ao redor de París que creou graves problemas no tráfico e ten lugar o día da cerimonia de inauguración dos Xogos Olímpicos.

A presidenta da rexión de París, Valérie Pécresse, denunciou "un intento de desestabilización de Francia" nun día clave para o país, como é a cerimonia de inauguración dos XX. OO.

Os ataques consistiron en incendios provocados de forma coordinada en condutos de cables de alimentación da sinalización e de comunicacións.

A empresa nacional francesa de ferrocarril (SNCF) comunicou "un ataque masivo" destinado a paralizar a súa rede de trens de alta velocidade (TGV) que afecta a tres das catro liñas de París, con aproximadamente 800.000 viaxeiros afectados nos próximos días.

Os problemas de circulación van estenderse polo menos durante toda a fin de semana e prodúcense non só no día da cerimonia de inauguración dos Xogos Olímpicos de París, senón tamén nuns días especiais para a saída e entrada de vacacións.

As liñas afectadas, con atrasos e suspensións, son as dos eixos norte (que inclúen tamén os TGV a Londres, Bruxelas, Ámsterdam e Alemaña), oeste (Bretaña, Bordeus) e leste (Estrasburgo, Frankfurt).

As estacións do Norte, do Leste e de Montparnasse quedaron especialmente afectadas, con miles de viaxeiros atrancados desde a mañá.

O cuarto eixo de TGV de París, o sueste (Lión, Marsella), salvouse porque un intento de sabotaxe contra a liña "foi frustrado", detallou a SNCF.

Pécresse explicou que nesa cuarta liña os vixiantes puxeron en fuga aos sabotadores.

A presidenta rexional detallou que hai 250.000 viaxeiros afectados só hoxe, polo que pediu non acudir ás estacións ferroviarias a non ser que reciban mensaxes da SNCF.

A elección dos puntos onde tiveron lugar os incendios fai pensar que os autores, ademais de estar coordinados, teñen coñecementos técnicos.

O ministro de Transportes, Patrice Vergriete, cualificou os feitos como "un acto criminal escandaloso" e resaltou a "coordinación" dos incendios, que foron aproximadamente "á mesma hora", ao redor das 04:00 de hoxe (02:00 GMT), con artefectos incendiarios e con autores que fuxiron en camionetas.

O presidente de SNCF, Jean Pierre Farandou, considerou as sabotaxes como "un ataque a Francia e aos franceses", nunha comparecencia conxunta á prensa xunto co ministro.

Farandou detallou que o traballo de reparación é moi delicado, xa que os incendios afectaron a canalizacións con ata 500 cables eléctricos e de fibra óptica.

"Hai que reparar cable por cable, é un traballo case de ourivaría", explicou un alto responsable da empresa nesa comparecencia.

O prefecto de París, Laurent Nunez, anunciou pola súa banda o envío de reforzos policiais ás principais estacións da capital para garantir a seguridade dos pasaxeiros e das instalacións

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar