Saltan as alertas sobre quecemento global: 2023 bateu marcas na suba de temperaturas
Saltan as alertas sobre quecemento global: 2023 bateu marcas na suba de temperaturas
Expertos debaten en Santiago sobre o cambio climático e as súas consecuencias
O ano pasado bateu récords en canto ao quecemento global e a suba do nivel do mar polo desxeo.
O último informe da ONU apunta subas temporais de 1,5º na temperatura do planeta, ese grao e medio que se puxera como límite para manter un clima habitable. Temen que este 2024 volverá bater marcas, e, de seguir así, prevén un quecemento de 2,8 graos para final de século.
"Non é a seca deste ano ou a chuvia do outro", explica o divulgador científico Manuel Toharia, nun foro celebrado en Compostela. O cambio climático refírese a que "a media a longo prazo vai cambiando, e iso hoxe é unha preocupación", di Toharia.
É a actividade humana a que acelera este cambio climático: atribúeno principalmente ao uso de combustibles fósiles. "Podemos evitar a obtención de enerxía a base de combustibles fósiles, que producen todos eses danos?", pregunta Toharia. "Tentémolo -di- pero non é fácil". Calcula que o 80 por cento da enerxía aínda depende hoxe dos combustibles fósiles.
O reto da descarbonización é urxente. Entenden que a el pode axudar tamén a soberanía alimentaria. "Hoxe temos a obriga moral de ser autosuficientes" afirma o divulgador Joaquín Araújo. Para el, se extraemos o que comemos doutros lugares, estamos creando "unha retroalimentación negativa ao cambio climático".
O raio de esperanza que deixan os datos globais de 2023 está nas enerxías renovables: a capacidade de produción aumentou case un 50 por cento internanual, a taxa máis alta das dúas últimas décadas.